MediaTek Genio 720 e Genio 520: Revolución no IoT con IA xerativa e máxima eficiencia

No evento Embedded World 2025 celebrado en Alemaña a finais da semana pasada, MediaTek presentou as súas novas plataformas Genio 720 e Genio 520, dúas solucións innovadoras para dispositivos IoT (Internet das Cousas) que combinan intelixencia artificial xerativa (IA), alta eficiencia enerxética e capacidades multimedia avanzadas.

IA xerativa no IoT: máis intelixencia e rendemento no bordo

As plataformas Genio 720 e Genio 520 destacan polo seu procesamento edge-AI, que permite unha velocidade de ata 10 TOPS grazas á súa NPU de 8ª xeración. Este rendemento avanzado optimiza modelos de IA como Llama, Gemini, Phi e DeepSeek, permitindo a súa execución de forma eficiente en dispositivos conectados.

Con até 16 GB de memoria LPDDR5, estas plataformas están deseñadas para soportar modelos de linguaxe de gran tamaño (LLM) e ofrecer unha experiencia fluída en aplicacións de recoñecemento de imaxes, control por voz e análises de datos en tempo real.

Construídos cun proceso de 6 nm, os chips Genio 720 e Genio 520 integran unha CPU de oito núcleos (2x Cortex-A78 + 6x Cortex-A55), optimizando a relación entre rendemento e consumo enerxético. Grazas a esta arquitectura, son ideais para dispositivos móbiles sen ventilador e alimentados por batería, como pantallas intelixentes, asistentes virtuais e dispositivos industriais.

Capacidades multimedia e conectividade avanzada

MediaTek tamén apostou forte polo apartado multimedia das súas novas plataformas. Así, ofrecen soporte para pantallas 4K/5K ultra anchas ou dobre pantalla de 2.5K, e tamén codificación e decodificación de vídeo 4K H.264/H.265 de baixo consumo. Poden traballar tamén con dúas cámaras de 16+16 MP a 30 fps ou até seis cámaras se son modelos FHD a 30 fps.

En canto á conectividade, incorporan WiFi 6/6E preintegrado e soporte para WiFi 7 e 5G Redcap mediante módulos externos. Tamén ofrecen interfaces de expansión flexíbeis para múltiples aplicacións, incluíndo Android, Yocto Linux e Ubuntu.

Unha aposta polo futuro do IoT

Con estas novas plataformas, MediaTek impulsa a próxima xeración de dispositivos IoT con capacidades de IA avanzada. A súa compatibilidade con OSM (Open Standard Module) facilitará o desenvolvemento e a posta no mercado de solucións innovadoras en sectores como o comercio, a automatización industrial e os dispositivos de consumo intelixentes.

As solucións Genio 720 e Genio 520 estarán dispoñíbeis para os clientes a partir do segundo trimestre de 2025.

Sobre o autor

Reply