Samsung Galaxy S25 Edge: cores, almacenamento e prezos filtrados antes do lanzamento

O Samsung Galaxy S25 Edge está cada vez máis preto de ser oficial e, grazas ás últimas filtracións, xa coñecemos algúns dos detalles clave sobre este esperado smartphone premium. En Europa, estará dispoñíbel en tres cores e con dúas opcións de almacenamento, situándose como unha alternativa intermedia entre o Galaxy S25+ e o Galaxy S25 Ultra. Ademais, xa temos unha idea aproximada do seu prezo.

Os datos desvelados apuntan a que Samsung apostará por tons máis sofisticados para Galaxy S25 Edge, seguindo a mesma liña que o Galaxy S25 Ultra. Segundo a información filtrada, o dispositivo chegará en:

  • Titanium Icyblue (azul xeado)
  • Titanium Silver (prata)
  • Titanium Jetblack (negro intenso)

O curioso deste lanzamento é que, malia o nome “Titanium” nas cores, rumores previos suxerían que o dispositivo utilizaría unha combinación de aluminio e cerámica no seu deseño. Polo momento, non está claro se o titanio estará presente na estrutura do smartphone.

Por outra banda, esta filtración confirma que o Galaxy S25 Edge contará con 12 GB de memoria RAM en todas as súas versións, pero ofrecerá dúas versións de almacenamento interno (256 e 512 GB), para adaptarse ás diferentes necesidades das usuarias.

Prezos filtrados para Europa e data de lanzamento

Estas mesmas fontes apuntan a uns prezos que, malia variar dependendo do país concreto, estarán situados entre os 1.200 e os 1.300 euros, para a versión de 256 GB; e entre os 1.300 e os 1.400 €, para a 512 GB. Isto sitúa ao novo móbil de Samsung entre o Galaxy S25+ e o S25 Ultra.

Ademais, a presentación oficial do Samsung Galaxy S25 Edge está prevista para abril deste ano, polo que xa falta pouco para que se coñezan todos os detalles de forma oficial.

Sobre o autor

Reply