Huawei inaugura unha nova xeración de smartphones encartábeis co revolucionario Pura X

Huawei segue sorprendendo no mundo dos smartphones encartábeis, e desta vez faino cun dispositivo que rompe os esquemas tradicionais. O novo Huawei Pura X non encaixa nas categorías habituais de modelos encartábeis aos que estamos afeitas, os tipo libro ou flip, senón que introduce un deseño ancho único que o fai destacar entre a competencia.

Con este lanzamento, Huawei aposta por un formato máis próximo ao dunha mini tablet, cunha pantalla de relación 16:10, en contraste co habitual 22:9 doutros modelos. A súa particular disposición fai que, para usalo en modo pechado, sexa necesario rotalo, xerando unha experiencia diferente a calquera outro smartphone no mercado.

Pantalla dual OLED e experiencia inmersiva

O Huawei Pura X conta con dúas pantallas OLED que permiten unha experiencia versátil. A principal, ofrece 6,3 polgadas, resolución de 2.120 x 1.320 píxeles e taxa de refresco de 120 Hz, mentres que a externa é de 3,5 polgadas, con resolución de 980 x 980 píxeles, que pode resultar apropiada para responder mensaxes, facer chamadas e mesmo xogar sen abrir o dispositivo. Este formato único achega unha usabilidade máis próxima á dunha tablet cando está despregado, e un manexo compacto cando está pechado.

No interior, Huawei dota ao Pura X dunha batería de 4.720 mAh, con tecnoloxía de carga rápida de 60W mediante cable e sen fíos de 40 W. E como é habitual neste tipo de modelos, pode empregarse para cargar outros dispositivos sen fíos coa carga inversa de 7,5 W.

Se ben o procesador non foi desvelado, si que se deron a coñecer outras características, como a protección IPX8 para a auga, e a presenza dun lector de pegadas dixitais, situado no botón de acendido. O Bluetooth é 5.2, vén con WiFi 7 e o sistema operativo é Harmony 5.0, sen os servizos de Google nin Play Store.

Fotografía de alta calidade con sensores avanzados

Huawei sempre coida o apartado fotográfico nos seus dispositivos premium, e o Pura X non é a excepción. O dispositivo incorpora un sistema de catro cámaras, que inclúe:

  • Sensor principal RYYB de 50 MP (f/1.6), para capturas detalladas con excelente iluminación.
  • Ultra gran angular RYYB de 40 MP, ideal para paisaxes e tomas amplas.
  • Teleobxectivo de 8 MP con zoom óptico de 3,5x, para capturas á distancia sen perder calidade.
  • Sensor de cor de 1,5 MP, que mellora a precisión das imaxes captadas.

Este conxunto de cámaras permite ao Pura X ofrecer unha experiencia fotográfica premium, situándoo entre os mellores dispositivos da súa categoría.

Huawei Pura X: dispoñibilidade e prezo

O Huawei Pura X foi presentado na China e está dispoñíbel nunha versión estándar, con 12 + 256 GB por uns 960 euros ao cambio e con 12 + 512 GB por uns 1.020 euros ao cambio. Tamén comercializa unha edición especial “Collector’s Edition” que, mantendo as capacidades de memoria, sube os prezos a uns 1.150 e uns 1.275 €, respectivamente.

En canto ás cores, o novo Huawei Pura X chega en tres opcións: Moon Shadow Grat, Zero Degree White e Phantom Night Black.

Sobre o autor

Reply