A serie Realme 14 foi presentada no pasado Mobile World Congress, destacando especialmente o Realme 14 Pro como o seu modelo máis avanzado. Agora, a compañía prepárase para ampliar a súa familia coa chegada do Realme 14T, un smartphone que promete resistencia extrema e un rendemento equilibrado a un prezo competitivo.
Realme 14T: filtrado antes de tempo en AliExpress
Realme publicou por erro a páxina do Realme 14T na súa tenda oficial en AliExpress, revelando detalles importantes do dispositivo antes do seu anuncio oficial. Ademais, un vendedor externo tamén filtrou imaxes do smartphone, confirmando algunhas especificacións clave do novo trebello da marca.
Segundo a información dispoñible, integrará unha pantalla de 6,6 polgadas con resolución 1.080 x 2.340 px. Non está claro se será OLED ou LCD, xa que distintas fontes ofrecen información contraditoria. Unha segunda filtración indica que podería tratarse dun OLED de 6,67″ con taxa de refresco de 120 Hz.
No apartado fotográfico teremos unha cámara traseira formada por un sensor principal de 50 MP (OmniVision OV50D) e un segundo sensor auxiliar de 2 MP (aínda por confirmar a súa función), mentres que a cámara frontal sería un sensor de 16 MP (Sony IMX480) para selfies e videochamadas.
O Realme 14T estará impulsado polo procesador Dimensity 6300 de MediaTek, un chip que xa foi utilizado noutros modelos da marca como o Realme 13. O smartphone incluirá 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de almacenaxe de datos. En canto á batería, esta sería de 5080 mAh con carga SuperVOOC de 100 W.
O dispositivo tamén contará cunha construción resistente con certificación IP68 e IP69K, asegurando protección contra po, inmersión en auga e ata chorros de alta presión e temperatura. Ademais, será un móbil 5G con dobre SIM, contará con NFC e un lector de pegadas dixitais, aínda por confirmar se estará baixo a pantalla ou noutro lugar.
Dispoñibilidade e prezo do Realme 14T
A páxina de AliExpress incluía a mensaxe “Vémonos en abril”, o que suxire que a presentación oficial do Realme 14T será nese mes. A compañía aínda non confirmou a data exacta nin o prezo, pero é probábel que se sitúe como unha alternativa máis accesíbel dentro da serie Realme 14, mantendo prestacións premium como a resistencia IP69K e a carga rápida.
Se Realme segue a estratexia do pasado, o Realme 14T podería lanzarse primeiro na China e na India antes de chegar ao mercado global. Estaremos atentas ás novidades que se produzan.