Telefónica Tech lanza ‘Tu Empresa Segura Lite’ para protexer autónomas e microempresas

A ciberseguridade converteuse nunha prioridade esencial para calquera negocio, independentemente do seu tamaño. Co obxectivo de reforzar a protección das persoas autónomas e microempresas fronte ás ameazas dixitais, Telefónica Tech acaba de lanzar en España ‘Tu Empresa Segura Lite’, un novo servizo que ofrece seguridade avanzada para dispositivos e datos, así como formación en ciberseguridade para as empregadas.

Segundo varios estudos, as persoas autónomas e microempresas son algúns dos colectivos máis vulnerábeis a ciberataques, xa que moitas veces non contan con recursos suficientes para protexer os seus datos e dispositivos. ‘Tu Empresa Segura Lite’ chega para cubrir esta necesidade cunha solución accesíbel e autoxestionada, capaz de protexer contra virus, troyanos, ransomware e sitios web non seguros.

Entre as funcionalidades destacadas deste novo servizo de Telefónica Tech atópanse a detección e bloqueo en tempo real de ameazas avanzadas, a prevención de ataques durante a navegación web, o filtrado de correos electrónicos para evitar spam e tentativas de phishing e a protección da privacidade das usuarias.

Ademais de ofrecer unha protección activa fronte a ataques, ‘Tu Empresa Segura Lite’ aposta pola educación en ciberseguridade. O servizo inclúe acceso a un portal de concienciación, con cursos prácticos sobre seguridade da información, destinados a ensinar boas prácticas para evitar riscos dixitais. Tamén ofrece acompañamento experto nos primeiros pasos de configuración da solución antivirus.

Integración con ‘Tu Puesto de Trabajo Seguro’ e Kit Dixital

O novo servizo de Telefónica Tech está incluído en todos os ordenadores vinculados a ‘Tu Puesto de Trabajo Seguro’, unha solución comercializada por Telefónica España. Ademais, as organizacións poden beneficiarse deste servizo a través do Kit Dixital, oprograma de axudas que facilita a transformación dixital das pemes e persoas autónomas.

Con ‘Tu Empresa Segura Lite’, Telefónica Tech dá un paso máis na súa aposta pola ciberseguridade, proporcionando ás pequenas empresas e autónomos unha ferramenta clave para protexer os seus negocios nun mundo cada vez máis dixitalizado.

Sobre o autor

Reply