Telefónica segue liderando o despregamento do 5G de altas prestacións (comercialmente coñecido como 5G+), acdando xa máis de 2.000 concellos coa banda de 3.500 MHz e superando os 4.000 concellos coa banda de 700 MHz.. Este avance supón unha cobertura poboacional do 91%, converténdose así na operadora con máis alcance no país.
Impulso ao 5G+ con velocidades ultrarrápidas e baixa latencia
A tecnoloxía 5G+, como a denomina Telefónica para as usuarias das súas marcas de Movistar e O2, destaca por ofrecer altas velocidades e baixa latencia, algo que resulta especialmente útil tanto para usuarias particulares como para empresas. A compañía incrementou nun 33% o número de concellos con acceso ao 5G de 3.500 MHz nos últimos tres meses, ampliando así a súa capilaridade tanto en grandes cidades como en vilas e zonas rurais.
Ademais, Telefónica tamén ofrece cobertura 5G na banda de 700 MHz en máis de 4.000 concellos, das cales a metade tamén dispoñen da banda de 3.500 MHz. Esta combinación permite mellorar a calidade da rede en interiores e garantir unha cobertura máis ampla en exteriores.
Desde o lanzamento do 5G en setembro de 2020, cando a cobertura era do 78%, Telefónica conseguiu un crecemento progresivo até o 91% actual, consolidando a súa rede móbil como a máis extensa do Estado en termos de número de nodos e cobertura xeográfica.
Liderado no 5G Stand Alone (SA)
Unha das grandes novidades deste despregamento é a activación do 5G Stand Alone (SA) en todas as localidades onde Telefónica ofrece cobertura 5G. Este 5G totalmente independente da rede 4G permite maiores velocidades, menor latencia e unha conexión máis estábel, sendo unha tecnoloxía clave para sectores como a industria, a loxística ou as Smart Cities.
O 5G SA permite tamén implementar funcionalidades avanzadas como Network Slicing (segmentación de rede para adaptar servizos específicos) e Edge Computing, mellorando o rendemento en aplicacións en tempo real. Telefónica xa ten realizado diversos casos de uso con clientes empresariais e foi a primeira operadora en España en lanzar un servizo de conectividade móbil con Network Slicing 5G, incluído no sistema de emerxencias 112 de Extremadura.
Esta modalidade de 5G Stand Alone xa é compatíbel con máis de 200 modelos de smartphones, e a súa dispoñibilidade continuará ampliándose cos novos lanzamentos.
Despregamento de fibra FTTH e colaboración pública para levar o 5G ao rural
Xunto co avance na rede móbil, Telefónica tamén acelerou o despregamento da súa rede fixa de fibra óptica FTTH, acadando 30,8 millóns de unidades inmobiliarias a finais de 2024, sendo líder no Estado con nesta tecnoloxía.
No ámbito rural, Telefónica continúa expandindo o 5G en zonas con menor densidade de poboación, grazas á colaboración público-privada a través do programa ÚNICO Redes Activas. A compañía recibiu 102,7 millóns de euros para instalar 5G en 1.116 localidades rurais, beneficiando a 326.000 persoas e 6.800 quilómetros de estradas.
Na primeira convocatoria do programa, Telefónica tamén obtivo 298,3 millóns de euros para levar o 5G a máis de 1,8 millóns de habitantes en pequenas vilas e 30.000 quilómetros de estradas. En total, instalaranse 7.330 antenas, incluíndo 174 novos emprazamentos.
Con este novo avance, Telefónica reforza a súa posición como líder tecnolóxico en redes móbiles e fixas no Estado español, consolidando o 5G+ como un servizo diferencial para clientes particulares e empresas. O despregamento do 5G Stand Alone, a expansión da fibra FTTH e a aposta polo 5G no rural sitúan á operadora como o principal referente en infraestrutura dixital no país.