POCO lanza a serie F7 con potencia extrema e innovación en fotografía

A marca POCO de Xiaomi acaba de presentar a súa nova serie POCO F7, composta polos modelos POCO F7 Ultra e POCO F7 Pro. Con melloras en potencia, autonomía e fotografía, estes dispositivos buscan consolidar a marca como unha das mellores opcións en relación calidade-prezo dentro da gama alta accesíbel.

Máximo rendemento con Snapdragon de última xeración

O POCO F7 Ultra equipa o novo Snapdragon 8 Elite, que promete un rendemento un 45% superior á xeración anterior, cunha GPU un 44% máis potente e unha eficiencia enerxética mellorada nun 52%. Ademais, incorpora o chip gráfico VisionBoost D7, que optimiza a experiencia en xogos con taxas de refresco de ata 120FPS e resolución 2K.

Pola súa banda, o POCO F7 Pro aposta polo Snapdragon 8 Gen 3, mantendo un equilibrio entre rendemento e eficiencia enerxética. Ambos modelos funcionan con Xiaomi HyperOS 2 e a tecnoloxía WildBoost Optimization 4.0, que mellora a estabilidade e resposta en xogos esixentes.

Nova serie POCO F7: principais especificacións

A autonomía é un punto forte desta serie. O POCO F7 Ultra inclúe unha batería de 5.300mAh con carga rápida de 120W, capaz de cargarse ao 100% en só 34 minutos, ademais de carga sen fíos de 50W. Pola súa parte, o POCO F7 Pro conta cunha batería de 6.000mAh con carga de 90W. Ambos modelos incorporan os chips POCO Surge P3 e Surge G1 para optimizar a xestión enerxética.

No apartado fotográfico, o POCO F7 Ultra destaca cunha cámara principal de 50MP Light Fusion 800, acompañada dun telefoto flotante de gama alta e unha ultra gran angular de 32MP. Ademais, incorpora tecnoloxía de intelixencia artificial POCO AISP para mellorar imaxes con funcións como UltraSnap e 20X UltraZoom Beta.

O POCO F7 Pro, aínda que máis modesto, inclúe unha cámara principal de 50MP e unha ultra gran angular de 8MP. Ambos dispositivos melloran o procesado de imaxe con IA, permitindo capturas máis detalladas e dinámicas.

Os dous modelos contan con pantallas moi luminosas de ata 3.200 nits e tecnoloxía de atenuación PWM de 3.840Hz para o coidado ocular. Ademais, inclúen lector de pegadas ultrasónico para desbloqueo rápido e seguro. En termos de deseño, o POCO F7 Ultra aposta polo novo POCO Shield Glass, mentres que o F7 Pro utiliza Corning Gorilla Glass 7i. Ambos dispoñen de certificación IP68 para resistencia ao po e á auga.

A serie F7 introduce o chipset Surge T1S, mellorando a conectividade móbil, Wi-Fi e Bluetooth. Os altofalantes estéreos con AI Super Cinema garanten unha experiencia de audio inmersiva.

Un ficha técnica coa que POCO quere reafirmar a súa posición como unha marca de referencia para usuarios esixentes que buscan o mellor rendemento sen gastar moitos cartos. Haberá que ver como se comportan na práctica, pero sobre o papel, os POCO F7 Ultra e F7 Pro parecen estar entre algúns dos dispositivos máis atractivos do mercado.

Dispoñibilidade, prezo e oferta de lanzamento

Ambos modelos xa se poden mercar no noso país, onde a compañía celebra o lanzamento con descontos e agasallos para aquelas usuarias que os adquiran antes do 10 de abril.

POCO F7 Ultra

  • 12 + 256 GB. Custará 749,99 €, pero pode adquirirse promocionalmente por 699,99 €, levando ademais de regalo un Xiaomi Watch S4 (valorado en 159 €) e un cargador Xiaomi de 120W.
  • 16 + 512 GB. Custará 799,99 €, pero igualmente ten 50 € de desconto promocional, que o deixan en 749,99 €, e leva os mesmos agasallos.

POCO F7 Pro

  • 12 + 256 GB. Custará 599,99 €, pero ten un desconto de 100 €, podendo mercarse en promoción por 499,99 €. Ofrece como agasallo un accesorio valorado en 80 €, a escoller entre un reloxo Xiaomi Smart Band 9 Pro, uns auriculares sen fío Redmi Buds 6 Pro ou un altofalante Xiaomi Bluetooth Speaker. Tamén recibe 19,99 € promocionais para mercar o cargador Xiaomi de 120W
  • 12 + 512 GB. Custará 649,99 €, quedando agora en 599,99 €, cos mesmos agasallos.

Ademais das rebaixas en prezo e agasallos de lanzamento, Xiaomi ofrece neste período até o 10 de abril financiación sen xuros a 24 meses en ambos modelos.

O Poco F7 Ultra está dispoñíbel en negro ou amarelo, mentres que o Poco F7 Pro podemos escollelo en negro, prata ou azul.

Máis info | Xiaomi

Sobre o autor

Reply