O mercado dos smartwatches segue a medrar, e ZTE vén de anunciar a chegada ao noso país do seu novo reloxo intelixente, o ZTE Watch Live 3. Este dispositivo de gama de entrada chega cunha excelente relación calidade-prezo, xa que por tan só 39,90 euros ofrece unha monitorización de saúde mellorada, resistencia ao auga e po, e a posibilidade de realizar chamadas vía Bluetooth.

Melloras clave respecto ao modelo anterior
O Watch Live 3 é o sucesor do Watch Live 2, un smartwatch que tivo unha grande acollida polo seu prezo competitivo e prestacións. Nesta nova versión, ZTE mellora aspectos esenciais como a pantalla -que medra até as 1,83 polgadas, con resolución de 240 x 284 píxeles- ou a conectividade Bluetooth 5.3, que xunto co seu micrófono ENC -que reduce o ruído ambiental- facilita a comunicación nas chamadas.

Grazas aos seus novos sensores, permite controlar o ritmo cardíaco de forma continua e alerta en caso de valores anormalmente altos ou baixos. Ademais, realiza un seguimento constante da saturación de osíxeno no sangue e axuda a controlar o nivel de estrés.

No apartado deportivo, os máis de 100 modos de adestramento permítenlle rexistrar actividades como deportes de equipo, equitación ou saltos de corda. Ademais, os seus acelerómetros e sensores avanzados proporcionan información detallada sobre a duración, intensidade, calorías queimadas e distancia percorrida durante cada sesión de exercicio.

Outro dos puntos fortes do ZTE Watch Live 3 é a súa batería de 290mAh, que garante unha autonomía de entre 7 e 10 días con uso medio. Ademais, inclúe unha correa de 22 mm intercambiábel, permitindo personalizar o smartwatch ao gusto das usuarias.

Dispoñibilidade e prezo do ZTE Watch Live 3
Como xa avanzamos ao inicio do artigo, o ZTE Watch Live 3 xa está dispoñíbel por 39,90 euros, podéndose adquirir a través de operadores como Yoigo, Masmovil, Euskaltel e Vodafone.
No segundo trimestre de 2025, chegará ao mercado libre mantendo o seu prezo de 39,90 euros, converténdose nunha das mellores opcións en termos de prestación e custo.
