A partir de hoxe, xa é posíbel levar o Documento Nacional de Identidade (DNI) no móbil grazas á aplicación oficial MiDNI, dispoñíbel en Android e iOS. Este novo formato dixital permite acreditar a identidade de maneira presencial coas mesmas garantías legais que o DNI físico.
Como funciona MiDNI?
A aplicación MiDNI xera un código QR que está asinado e selado pola Policía Nacional, garantindo a autenticidade e actualización en tempo real dos datos amosados. Deste xeito, evítase a falsificación ou manipulación da información.

Porén, nesta primeira fase, o DNI dixital só servirá para acreditacións presenciais. Polo momento, non será válido para identificación a través da Internet, paso de fronteiras ou trámites de firma electrónica. Haberá que agardar aínda até o 2026, cando o Ministerio de Interior prevé que MiDNI permitirá tamén estas funcións, adaptándose á normativa europea de identidade dixital.
Que permite facer MiDNI?
Polo de pronto, este novo formato permitirá acreditar a identidade en diversas situacións do mundo real, como controis de acceso a espazos públicos e privados, apertura de contas bancarias ou rexistros en hoteis ou alugueres de vehículos.
Tamén servirá para outras actividades, como a recollida de paquetes en Correos, a sinatura de escriturasante notario ou identificarse á hora de levar a cabo trámites administrativos con entidades públicas e privadas.
Como obter o DNI dixital
O proceso para obter o DNI dixital consta de tres fases. Primeiramente é necesario vincular a identidade da persoa co número de móbil, para despois virtualizar o DNI na aplicación MiDNI e posteriormente comprobar a identidade a través da Policía Nacional no proceso de verificación.
O rexistro pode facerse a través de www.midni.gob.es, nos Postos de Actualización de Documentación (PAD) de comisarías e concellos que dispoñen desta ferramenta, ou nas Unidades de Documentación da Policía Nacional. Para completar o proceso, é necesario contar cun DNI en vigor cos certificados electrónicos activos.
Varios niveis de información
Á hora de compartir a información, as usuarias poden escoller que datos amosar en función da situación. En concreto, permítense tres niveis:
- DNI IDADE: fotografía, nome e maioría de idade.
- DNI SIMPLE: fotografía, nome, apelidos, sexo e validez do DNI.
- DNI COMPLETO: todos os datos do documento físico.
A verificación faise mediante un código QR temporal, xerado pola Policía Nacional. Quen escanee o código a través da app verá a información das usuarias durante un tempo limitado, sen que quede almacenada no dispositivo.
Un paso cara á transformación dixital
Unha vez posto en marcha o DNI dixital, ábrese un período de 12 meses no que as entidades públicas e privadas deberán adaptarse para garantir a compatibilidade co novo sistema. O DNI físico seguirá vixente e convivirá co formato dixital, complementándose e sendo aínda necesario para certos trámites.
Se ben este primeiro paso é un importante avance na modernización dos servizos de identidade, permitindo que a acreditación da identidade sexa máis rápida, segura e eficiente, será no 2026, coa integración do DNI dixital en trámites en liña e firma electrónica, cando se complete a verdadeira transformación no ámbito da identidade dixital.
