O fabricante chinés de vehículos OMODA ten novo modelo de referencia. Falamos do OMODA 9, un novo vehículo tipo SUV que fai uso de diversas innovacións tecnolóxicas, entre elas a aposta do NFC como tecnoloxía para abrir e pechar o coche, sen necesidade de chaves físicas. Bastará o móbil ou unha tarxeta NFC para poder acceder ao vehículo e mesmo para poñelo en marcha.
O sistema NFC (Near Field Communication) permite unha comunicación sen fíos de curto alcance entre dispositivos compatíbeis. Grazas a isto, basta con achegar o teléfono móbil ou a tarxeta NFC á porta para que o vehículo desbloquee os seus seguros. Unha vez dentro, tamén poderemos arrancar o coche sen necesidade de chave física.

Este sistema, ademais de proporcionar maior comodidade, tamén incrementa a seguridade, xa que require que o dispositivo autorizado estea a poucos centímetros do coche para funcionar. Ademais, facilita o uso compartido do vehículo, xa que varias usuarias autorizadas poderán acceder sen necesidade de intercambiar unha chave física.
OMODA 9: principais innovacións tecnolóxicas
O OMODA 9 non só destaca polo seu innovador sistema de acceso NFC, senón que tamén se sitúa como un dos SUV máis avanzados tecnoloxicamente do mercado. Entre as súas características, destaca o Head-Up Display (HUD) con realidade aumentada, que proxecta información clave sobre o parabrisas cunha superficie de até 50 polgadas, permitindo manter á persoa que conduce a vista na estrada en todo momento. Este sistema compleméntase cunha dobre pantalla curva de 12,3 polgadas, que combinan o cado de instrumentos e o sistema de infoentretemento.
Dispón tamén dun asistente de voz con intelixencia artificial (IA), que permite controlar diferentes funcións do coche mediante comandos de voz. Ademais, está dispoñíbel en todos os asentos, para que calquera ocupante poida interactuar co sistema.

O sistema de iluminación frontal adaptativa (AFS), con faros matriciais de LED, axusta automaticaamente o feixe de luz en curvas e situacións de pouca visibilidade, mellorando a seguridade. Por outra banda, o sistema de cámaras con visión de 540º ofrece unha visión completa do vehículo, facilitando as manobras e mellorando a visibilidade en zonas difíciles.
Como a meirande parte dos vehículos que se atopan hoxe no mercado, é compatíbel con Android Auto e Apple Carplay sen necesidade de cables, e ofrece un sistema de carga sen fíos por indución de 50W, garantindo a carga rápida do noso smartphone ou accesorios.
Os asentos, tapizados en coiro napa, contan con sistema de calefacción, ventilación e función de masaxe con catro modos diferentes e tres niveis de intensidade. E por último, o sistema de son está composto por 14 altofalantes Sony, incluíndo dous integrados nos repousacabezas dianteiros para ofrecer unha experiencia de son máis inmersiva.
Con todos estes avances, OMODA busca diferenciarse no sector apostando pola tecnoloxía e o confort. Co OMODA 9, o fabricante busca ofrecer un SUV que represente o futuro da automoción, onde o smartphone substitúe ás chaves tradicionais e a experiencia de condución elévase a un nivel superior.
