Malia chegar con anos de atraso fronte a Starlink, Amazon dá o seu primeiro gran paso para competir no negocio da Internet por satélite. Esta semana, a compañía lanzará os seus primeiros 27 satélites do Project Kuiper, unha constelación que contará con máis de 3.200 unidades en órbita terrestre baixa (LEO) para ofrecer conexión a alta velocidade en practicamente calquera punto do planeta. O obxectivo de Amazon é iniciar o servizo comercial a finais deste ano.
O lanzamento, programado para o mércores 9 de abril, realizarase desde Cabo Cañaveral cun foguete Atlas V da United Launch Alliance. Amazon conta tamén con acordos con Arianespace, Blue Origin e mesmo SpaceX (compañía detrás de Starlink) para completar as 80 misións de lanzamento previstas. Os satélites voarán a 630 km sobre a Terra a unha velocidade de 27.359 km/h, completando unha órbita en aproximadamente 90 minutos.
Como acontece con Starlink, as futuras usuarias de Amazon precisarán unha antena terminal para conectarse ao servizo. Amazon xa presentou diferentes modelos, desde unha versión compacta de só 7 polgadas e 450 gramos con velocidades de até 100 Mbps, até opcións máis avanzadas para fogares e empresas con velocidades de ata 1 Gbps. A compañía estima que poderá fabricar estas antenas por menos de 400 dólares, un prezo que podería ser subvencionado para atraer máis usuarias, cando menos no seu lanzamento comercial.
Un detalle interesante do proxecto é o revestimento especial dos satélites, que conta cunha película reflectora dieléctrica deseñada para dispersar a luz solar e minimizar o seu impacto na observación astronómica. Aínda así, este primeiro lanzamento presenta riscos, xa que será a primeira vez que Amazon empregue o deseño final dos seus satélites e que despregue tal número de unidades ao mesmo tempo.
O Project Kuiper é unha aposta estratéxica de Amazon para competir con Starlink, a rede de SpaceX que xa conta con máis de 7.000 satélites en órbita. O éxito deste primeiro lanzamento marcará o ritmo dunha carreira que se prevé intensa nos vindeiros anos.