CMF by Nothing, a submarca da compañía de Nothing centrada en ofrecer tecnoloxía accesíbel sen renunciar ao deseño nin á calidade, vén de anunciar oficialmente o seu novo terminal: o CMF Phone 2 Pro, que será presentado o 28 de abril ás 15 horas, hora galega. Aínda non se coñecen as especificacións técnicas, pero o simple feito de incluír o apelido “Pro” xa fai agromar as expectativas.
Este será o segundo teléfono de CMF tras o sorprendente CMF Phone 1, un móbil que no seu lanzamento en 2024 destacou pola súa forte aposta pola personalización e un prezo por debaixo dos 200 euros. Nada de reciclaxe de modelos vellos nin hardware desfasado: a marca deixou claro que tamén as gamas máis económicas poden ser innovadoras e atractivas.
O CMF Phone 2 Pro podería supor un salto cara á gama media, con melloras en procesador, cámaras e rendemento xeral. A estratexia de Nothing, como é habitual, pasa por xerar expectación e dosificar a información pouco a pouco, polo que se agardan máis detalles nas vindeiras semanas.
Xunto co novo teléfono, CMF tamén presentará tres novos modelos de auriculares sen fíos: os CMF Buds 2, Buds 2a e Buds 2 Plus, que suceden aos CMF Buds Pro cos que a marca desembarcou no noso país a finais de 2023. Espérase que estes novos modelos acheguen innovacións tanto en deseño como en calidade de son, mantendo a filosofía de ofrecer moito por moi pouco.
Con estes avances, Nothing demostra unha vez máis que, incluso no segmento máis axustado de prezo, hai espazo para sorprender.