O grupo MasOrange acaba de dar un paso importante no mercado do entretemento coa chegada dun novo servizo de televisión para tres das súas marcas principais: Yoigo TV, MásMóvil TV e PepeTV. Esta nova plataforma, xa dispoñíbel tanto para clientes actuais como novos, ofrece máis de 90 canles, acceso a 50.000 contidos a demanda, e funcionalidades avanzadas como reprodución simultánea en até en cinco dispositivos, gravación de programas e visualización sen conexión.
O prezo mensual parte dos 6 euros para clientes de Yoigo e MásMóvil, mentres que as usuarias de Pepephone deberán pagar 8 euros, aínda que neste caso inclúese o acceso ao plan estándar con anuncios de SkyShowtime, totalmente integrado na plataforma.
Tele con 4K, fútbol e integración con outras plataformas
O novo servizo inclúe un decodificador 4K e está dispoñíbel tamén vía app para móbil, navegador, Chromecast e Fire TV. Entre os seus puntos fortes destacan o acceso aos contidos dos últimos sete días, a posibilidade de descargar para ver sen conexión, e a opción de engadir outras plataformas como Netflix, Prime Video ou Max ao buscador integrado, permitindo atopar calquera título desde unha única interface.
No apartado deportivo, Yoigo TV e MásMóvil TV permitirán contratar un paquete opcional por 6 euros máis que ofrece acceso completo aos partidos de LaLiga Hypermotion, a segunda división do fútbol español.
Estrea de televisión en Pepephone
Este anuncio supón ademais un fito importante para Pepephone, xa que ata agora non ofrecía ningún servizo de televisión de pago. Con PepeTV, a súa clientela accede non só aos 90 canles e aos contidos a demanda, senón tamén ás películas e series de SkyShowtime, sen necesidade de contratar plataformas adicionais.
Con este movemento, o grupo MasOrange busca competir directamente con outras alternativas de baixo custo como a televisión de Digi, que tamén ofrece máis de 100 canles e acceso ao fútbol por un prezo similar. A batalla pola televisión a bo prezo está servida.