O Grupo MásOrange está a facer importantes cambios na súa oferta de televisión. Se onte dábamos conta da integración do servizo de televisión en Pepephone, Yoigo e MásMóvil, hoxe toca falar de R, a marca galega do grupo. E é que desde esta semana, Disney+ xa está dispoñíbel para as usuarias da televisión de R, sumándose así á oferta de contidos dunha das operadoras líderes en Galiza. Esta incorporación permite acceder a un dos catálogos máis demandados do mercado audiovisual, con películas e series de referencia mundial, directamente desde o descodificador de R.
Disney+ intégrase na TV de R a través de Agile TV
A clientela que conte co servizo de televisión de R poderán gozar do contido completo de Disney+ a través da interface do seu descodificador Agile TV, sen necesidade de cambiar de plataforma ou realizar instalacións adicionais. Unha integración sinxela, directa e con toda a comodidade que buscan as usuarias.
Entre os contidos dispoñíbeis atópanse títulos de Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e o selo Star, incluíndo estreas recentes como Mufasa: El Rey León, Vaiana 2 ou Deadpool y Lobezno, así como éxitos de series como Anatomía de Grey, The Bear ou Shōgun. A isto súmanse tamén producións orixinais españolas, como Cristóbal Balenciaga, Yo, adicto ou Invisible.
R aposta por reforzar a súa oferta con contido premium
Con este acordo, R continúa a súa aposta pola innovación e o entretemento de calidade, adaptándose aos novos formatos dixitais e mantendo a súa esencia de proximidade cos fogares galegos.
Con máis de dúas décadas de traxectoria, R dá agora un salto importante ao integrar unha das plataformas máis potentes do mercado, sumando así ao seu servizo de televisión un catálogo global de máis de 500 películas, series, documentais e contidos infantís.
Para as usuarias, isto tradúcese nun acceso cómodo, inmediato e sen saír do ecosistema de R, mantendo a sinxeleza de uso e ampliando a variedade de entretemento para toda a familia.