ZTE lanza pon á venda o nubia Music 2 por só 109 €

ZTE vén de poñer á venda no noso país o novo nubia Music 2, un smartphone pensado para quen vive ao ritmo da música. Con triple altofalante 2.1, luces LED que bailan co son, deseño rompedor e un prezo de lanzamento de 109,65 €, esta nova versión mellora todos os apartados do seu predecesor e sitúase como unha das opcións máis orixinais e atractivas da gama de entrada.

Son que vibra contigo: triple altofalante e potencia a outro nivel

O nubia Music 2 foi creado para que a música se sinta, e non só se escoite. Incorpora un sistema de son 2.1 cun altofalante traseiro tipo vinilo dedicado aos graves e dous altofalantes estéreo adicionais, capaces de ofrecer unha experiencia envolvente que supera os 95 decibeis. Isto supón un 600% máis de volume ca un móbil convencional.

A isto engádenselle luces LED dinámicas que se iluminan ao ritmo das cancións, facendo do nubia Music 2 un móbil que non só soa ben, senón que tamén se ve espectacular. E si, inclúe conector de auriculares de 3,5 mm, un detalle cada vez máis raro pero moi agradecido polos audiófilos.

Porén, este modelo non vive só da música. O nubia Music 2 monta unha pantalla HD+ de 6,7 polgadas con taxa de refresco de 120 Hz, perfecta para desfrutar de contido multimedia con fluidez. O seu procesador Unisoc T7200 Octa-core, xunto con 8 GB de RAM (4 físicos + 4 virtuais) e 128 GB de almacenamento (ampliables ata 1 TB), garanten un rendemento básico para o día a día.

Completa o conxunto unha cámara principal de 50 MP con IA, batería de 5.000 mAh, lector de pegada lateral, NFC, Dual SIM e sistema operativo MyOS 14 baseado en Android 14, con tres actualizacións principais garantidas.

Dispoñibilidade e prezo do novo nubia Music 2

ZTE aposta por un deseño diferencial no novo nubia Music 2, que está dispoñíbel en dúas versións: Pop Art, que a marca define como “vibrante, atrevido e inspirado na cultura urbana” e o arte pop; e Melody Wave, un branco elegante cun patrón de ondas sonoras a cor. Ambas opcións reflicten o espírito creativo e musical dun smartphone pensado para destacar.

O nubia Music 2 xa está dispoñible en El Corte Inglés, tanto en tendas físicas como online, por un prezo oficial de 129 €. Ademais, durante esta semana de lanzamento conta cun 15 % de desconto, quedando en só 109,65 €.

Con esta proposta, ZTE democratiza o acceso a un móbil orixinal, potente e con moita personalidade, ideal para mozos e mozas, amantes da música ou quen simplemente quere un terminal diferente.

Sobre o autor

Reply