MediaTek acaba de anunciar o Dimensity 9400+, o seu novo chipset de gama alta que promete elevar a experiencia en smartphones Android coa mellor combinación de rendemento, intelixencia artificial avanzada e eficiencia enerxética. Esta nova plataforma móbil destaca por ofrecer capacidades punteiras en IA xerativa e axéntica, soporte para os últimos modelos de linguaxe a gran escala (LLM) e melloras significativas en potencia gráfica e conectividade.
All Big Core e IA de nova xeración no centro de todo
O Dimensity 9400+ adopta un deseño All Big Core, con catro núcleos de alto rendemento: un Arm Cortex-X925 a 3,73 GHz e tres Cortex-X4, combinados con catro Cortex-A720. Esta arquitectura permite un rendemento excepcional tanto en tarefas de fío único como multithread, ideal para apps de IA, xogos esixentes ou multitarefa fluída.
A nivel de IA, o novo NPU 890 permite executar LLMs de última xeración con técnicas como Mixture-of-Experts (MoE), Multi-Token Prediction (MTP) ou Speculative Decoding+, mellorando o rendemento da IA axéntica até un 20% máis rápido. Grazas ao motor Dimensity Agentic AI Engine (DAE), tamén se facilita a integración de capacidades de IA avanzadas en apps xa existentes.
Potencia, cámara e conectividade
O chipset inclúe a potente GPU Arm Immortalis-G925 de 12 núcleos, que leva efectos gráficos de nivel PC aos móbiles grazas ao soporte para micromapa de opacidade (OMM), ideal para representar realismo en cabelo, follas ou tecidos sen perder FPS. Tamén integra o novo MFRC 2.0+, un conversor de taxa de cadros que duplica os FPS efectivos e mellora a eficiencia enerxética ata nun 40%.
MediaTek tampouco esquece a parte multimedia co Imagiq 1090, que permite gravacións en HDR en todo o rango de zoom, con tecnoloxía Smooth Zoom para capturar con nitidez obxectos en movemento e focalizar tanto imaxe como son.
En canto a conectividade, o Dimensity 9400+ inclúe: bluetooth ampliado de até 10 km de distancia entre móbiles, conexión satelital BeiDou cun tempo de localización 33% máis rápido; Wi-Fi 7 tri-banda con cinco fluxos e cobertura ampliada grazas a MediaTek Xtra Range™ 3.0; e Dual SIM Dual Active (5G/4G) para maior flexibilidade en datos móbiles.
Dispoñibilidade do novo MediaTek Dimensity 9400+
Os primeiros smartphones co Dimensity 9400+ chegarán ao mercado este mesmo mes, e marcarán un novo estándar en rendemento móbil, IA no dispositivo e eficiencia enerxética.