Samsung Ballie: o novo robot doméstico con IA de Gemini que quere conquistar a túa casa

Samsung anunciou esta semana o lanzamento oficial de Ballie, un robot doméstico con forma de bóla, impulsado pola intelixencia artificial Gemini de Google. Tras varios anos facendo aparición en feiras como o CES, onde máis semellaba unha demostración futurista ca un produto real, Ballie convértese agora nun dispositivo de consumo real, deseñado para actuar como asistente intelixente no fogar.

Un acompañante con IA que se move, entende e proxecta

Ballie é un pequeno robot móbil que se despraza de maneira autónoma pola casa grazas ás súas rodas e sensores integrados. Está pensado como un “acompañante impulsado por IA” que pode facer tarefas útiles, desde organizar o calendario familiar, poñer recordatorios ou responder preguntas, ata controlar o fogar intelixente grazas á integración co ecosistema SmartThings de Samsung.

Ademais do seu simpático deseño, Ballie destaca por unha función realmente sorprendente: leva incorporado un proxector, que se desprega desde a súa parte superior para proxeccións en paredes. Así, pode converter calquera estancia nunha pantalla interactiva onde amosar información, reproducir contido ou mesmo crear ambientes personalizados.

Multimodal, intuitivo e… adorable

Ballie está equipado cun micrófono, altofalante e cámara, o que lle permite interactuar coas usuarias tanto por voz como visualmente. Grazas ás capacidades multimodais de Gemini e aos modelos propios de Samsung, pode interpretar situacións complexas, ofrecer recomendacións personalizadas sobre benestar, entretemento ou estilo de vida saudábel, e adaptarse aos hábitos da casa.

Entre as súas funcionalidades destacan a proxección de contido multimedia en calquera parede; o control doutros dispositivos intelixentes (luz, termostato, persianas, etc.); a xestión de tarefas e recordatorios ou o recoñecemento visual para mellorar as respostas contextuais. Todo elo sen esquecer algo non menos importante: a aposta por unha estética simpática e deseño minimalista que encaixa en calquera fogar.

Un lanzamento limitado, pero prometedor

Por agora, Ballie só estará dispoñíbel nos Estados Unidos e Corea do Sur a partir do verán de 2025. Samsung non revelou aínda o seu prezo oficial, aínda que as persoas interesadas xa poden prerrexistrarse na súa web oficial. A marca non descartou unha expansión internacional máis adiante.

Con este lanzamento, Samsung aposta forte por un segmento no que outras grandes tecnolóxicas, como Amazon con Astro, non lograron conquistar ao gran público. Agora, con Gemini como cerebro e unha integración total co ecosistema da casa, Ballie podería marcar o inicio dunha nova era nos asistentes domésticos intelixentes.

Sobre o autor

Reply