O2 lanza un dos combinados de fibra e móbil máis competitivos do mercado: 50 GB e 300 Mbps por só 30 euros

A guerra de prezos na telefonía móbil e fixa segue intensificándose, e O2 —a segunda marca de Telefónica— vén de dar un golpe enriba da mesa co reforzo do seu combinado máis barato de fibra e móbil, que estará dispoñíbel a partir do 18 de abril.

Máis xigas polo mesmo prezo

A nova tarifa mantén o seu prezo de 30 euros ao mes, pero incrementa un 66% os datos móbiles incluídos, pasando de 30 GB a 50 GB, sen modificacións na velocidade da conexión de fibra, que continúa sendo de 300 Mbps simétricos, e incluíndo ademais teléfono fixo con chamadas gratis a fixos e móbiles nacionais.

Este cambio aplícase de maneira automática tanto á nova como á actual clientela, sen que teñan que facer nada para beneficiarse da mellora. E aínda que o cambio pode parecer discreto, sitúa a O2 nunha posición moi forte fronte a rivais como Digi, Lowi ou Simyo, cunha oferta difícil de igualar en relación calidade-prezo.

No escenario actual de tarifas low cost, O2 consegue unha das opcións máis atractivas para o gran público, especialmente en zonas onde non está dispoñíbel a fibra propia de operadoras como Digi ou Lowi, que ofrecen descontos en función da cobertura (até 15 euros menos en casos concretos).

Nas tarifas equivalentes, Digi e Lowi quedan nos 30 GB por 30 €/mes (agás en zonas de fibra propia), mentres que Simyo ofrece 50 GB, mais a cambio de dous euros máis ca o novo plan de O2.

A nova Telefónica aposta forte ao prezo

O movemento de O2 forma parte dunha nova estratexia de Telefónica que, tras a chegada de Marc Murtra á presidencia e o peche da fusión entre MásMóvil e Orange, está deixando atrás a súa tradicional cautela en política de prezos.

Historicamente, Telefónica era máis conservadora e deixaba que os rivais marcasen o ritmo nas ofertas máis agresivas. Pero a nova Telefónica non ten medo de liderar a batalla low cost, e iso está a notarse tanto en O2 como nas novas ofertas de televisión lanzadas recentemente.

Sobre o autor

Reply