No mundo dos gadgets móbiles, a autonomía é un ben prezado. Non en van, como fomos vendo nos últimos meses, son moitos os fabricantes que están a incorporar nos seus dispositivos maiores baterías como reclamo. E o que non, trata de compensar con algunha tecnoloxía de carga rápida.
Porén, non sempre temos un enchufe a man. E cando se trata de manter con vida o noso portátil, tablet ou smartphone, especialmente en desprazamentos, a cousa cambia. Opcións como o Baseus Blade 2, o novo powerbank ultrafino de Baseus, son unha gran alternativa para eses momentos. Equipada cunha capacidade de 12.000 mAh, ofrece carga rápida de até 65W. Equipada cunha pantalla informativa, esta batería é unha das máis completas do mercado. Estivémola probando nas últimas semanas.
Deseño ultrafino e potencia de até 65W
O primeiro que chama a atención do Blade 2 é o seu formato ultrafino, de tan só 7,3 mm de grosor. Isto fai que sexa un dispositivo altamente portábel e que podemos meter en calquera sitio, mesmo nas fundas tipo sobre que empregan moitas persoas para os seus portátiles.
Pesa 328 gramos, e está acabado nun corpo que mestura un marco metálico con plástico de alta calidade, tanto na parte traseira como frontal Nesta parte de diante conta cunha pequena pantalla que nos permite coñecer en todo o momento a potencia de carga e a porcentaxe de enerxía dispoñíbel ou outorgada aos dispositivos que estamos a cargar.

Nun dos extremos, integra dúas saídas USB-C, ambas capaces de entregar ata 65 W de potencia se se usa unha soa. Iso significa que pode cargar un portátil sen problemas, e así o confirmamos nas nosas probas cun Lenovo ThinkPad X1 Carbon. No caso de que se conecten ao tempo dous dispositivos, as saídas distribúen a potencia, chegando até 45W e 20W.
En modo carga, admite até 60W, o que permite que se cargue por completo en 50 minutos cun cargador que ofreza esa potencia, algo que tamén é de agradecer cando estamos a preparar unha viaxe: en menos dunha hora podemos ter o powerbank listo para saír.
Como pode imaxinarse, con estas capacidades podemos cargar 2 veces por completo a meirande parte dos smartphones (tres nalgúns casos), ou unha tablet e un smartphone. Tamén podemos darlle un “chute” de enerxía ao noso portátil, para poder así traballar durante varias horas adicionais.
Pantalla informativa
Un dos aspectos diferenciais deste powerbank Blade 2 é a súa pantalla dixital, que vai máis aló da clásica barra de porcentaxe. Nela, o dispositivos ofrécenos información útil, incluíndo as potencias de entrada e saída en tempo real; o tempo estimado de carga ou o estado dos dous portos USB-C.

Se queremos ir un paso máis aló, Baseus ofrécenos ademais unha aplicación oficial de Baseus, onde poderemos xestionar algúns aspectos do noso powerbank, como o programado automático ou a personalización do texto da pantalla. Tamén podemos consultar o historial de uso e ver o estado da batería, algo que agradecerán as usuarias máis intensivas.
O funcionamento desta ferramenta non podería ser máis intuitivo: simplemente debe estar aceso e o noso móbil detectará a batería para conectala.
Conclusión
Tras varias semanas de uso, podemos confirmar que a Baseus Blade 2 é un produto que responde ás espectativas. Cos seus 12.000 mAh e 65 W de saída resulta apropiado tanto para tablets como para portátiles. Ademais, co seu deseño ultrafino, é un elemento que “non nos pesa” na nosa viaxe, xa que se pode cargar en calquera lugar.
A Baseus Blade 2 pódese atopar en gran cantidade de tendas en liña e grandes almacéns por uns 75 €, un prezo que compensa polas súas características.