A próxima estrela da gama media podería levar a sinatura de OnePlus. Segundo as últimas filtracións, o OnePlus Nord CE5 está a piques de estrearse cunha das baterías máis grandes xamais vistas nun smartphone da súa categoría: 7100 mAh. Un salto impresionante respecto ao Nord CE4, que xa sorprendía co seu módulo de 5500 mAh.
Un smartphone deseñado para durar
Se esta información acaba por confirmarse, estaríamos ante un terminal que promete unha autonomía récord, ideal para usuarias que precisan moitas horas de pantalla acesa ou que buscan despreocuparse da carga diaria. Con un 29% máis de batería ca o seu predecesor, o CE5 apunta directamente a converterse nun referente en duración dentro do segmento da gama media.
O novo dispositivo está a ser desenvolvido baixo o nome interno de “Honda”, pero aínda non se confirmou o chip que o impulsará. As especulacións apuntan a dúas opcións posíbeis: o Qualcomm Snapdragon 7 Gen 4, que destaca polas súas capacidades en IA e gráficos; ou o MediaTek Dimensity 8400, centrado en eficiencia enerxética e xestión térmica. Calquera das dúas opcións suporía un salto significativo respecto ao CE4, tanto en rendemento como en experiencia xeral de uso.
Outro detalle filtrado é que o almacenamento UFS 3.1 volverá estar presente no CE5. Esta tecnoloxía garante velocidades de lectura e escritura moi superiores ás de memoria eMMC, mellorando o tempo de apertura das aplicacións e a fluidez xeral do sistema.
Aínda non hai datos oficiais sobre a RAM ou as opcións de almacenamento interno, pero, seguindo a tradición de OnePlus, é probable que chegue en varias configuracións adaptadas a diferentes rangos de prezo.
Lanzamento previsto para mediados de 2025
Por agora, OnePlus non confirmou oficialmente o Nord CE5, pero os rumores e as primeiras filtracións apuntan a un posíbel lanzamento a mediados de 2025. A medida que se achegue a data, agárdase que vaian saíndo máis detalles sobre o dispositivo e as súas especificacións definitivas.
