Samsung acaba de anunciar no noso país os seus novos dispositivos reforzados para profesionais: o Galaxy XCover7 Pro e a Galaxy Tab Active5 Pro. Pensados para traballar nas condicións máis duras, estes modelos combinan resistencia militar, autonomía prolongada, ferramentas de produtividade con intelixencia artificial e conectividade 5G, converténdose nas ferramentas ideais para sectores como a construción, a loxística, o comercio, a industria ou a administración pública.
Feitos para resistilo (case) todo
Tanto o XCover7 Pro como a Tab Active5 Pro veñen preparados para soportar ambientes extremos grazas á súa certificación MIL-STD-810H e protección IP68 contra auga e po. Resistentes a caídas, temperaturas extremas, vibracións e mesmo a produtos desinfectantes, están deseñados para durar e manterse operativos mesmo en situacións de risco.
As pantallas de ambos equipos veñen protexidas con Corning Gorilla Glass Victus+, e permiten o seu uso con luvas grazas a unha sensibilidade táctil optimizada.
Novo Samsung Galaxy XCover7 Pro
O Galaxy XCover7 Pro é un smartphone pensado para o día a día máis esixente. Está equipado cunha pantalla TFT LCD FHD+ de 6,6 polgadas con taxa de refresco de ata 120 Hz, perfecta para traballar ao aire libre grazas á tecnoloxía Vision Booster, que mellora a visibilidade en condicións de moita luz.
No seu interior, incorpora unha batería de 4.350 mAh substituíbel polas usuarias, e ofrece soporte para carga mediante bases POGO, facilitando o uso en contornas industriais ou con alta mobilidade. Tamén conta con múltiples opcións de conectividade, que inclúen 5G, Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.4, NFC e dual SIM (pSIM + eSIM), garantindo cobertura en calquera lugar. Ademais, grazas á tecnoloxía de redución de ruído retroalimentado nos altofalantes, permite comunicación clara mesmo en ambientes ruidosos.

Funciona con Android 15 e integra o procesador Snapdragon 7s Gen 3 de 4nm, garantindo rendemento óptimo. Inclúe funcións baseadas en IA como Circle to Search con Google, Borrador de Obxectos ou Lectura en voz alta, que optimizan o día a día laboral.
Nova Galaxy Tab Active5 Pro
Pola súa banda, a nova Galaxy Tab Active5 Pro resulta ideal para profesionais que traballan en exteriores ou contornos de alto risco. Combina durabilidade extrema, autonomía prolongada, conectividade total e ferramentas avanzadas de produtividade.
Esta tablet de 10,1 polgadas incorpora un panel TFT LCD WUXGA con ata 120 Hz de refresco e brillo de 600 nits, axeitado para traballar baixo a luz do sol. Con certificación IP68, Corning Gorilla Glass Victus+ e estándar militar MIL-STD-810H, resiste caídas, auga, po, golpes e temperaturas extremas.
Inclúe, igual ca os seus predecesores, o lapis S Pen, que funciona mesmo con luvas e en condicións húmidas. Ideal para tomar notas, asinar documentos ou traballar con precisión, sen medo a danos por auga.

A Galaxy Tab Active5 Pro incorpora unha batería de 10.100 mAh, que se pode substituír sen apagar o dispositivo (Hot-Swap), asegurando funcionamento continuo en quioscos, vehículos ou estacións de traballo. Tamén admite modo sen batería para uso permanente conectada a corrente. En canto á conectividade, ofrece 5G, Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.4, NFC frontal e dual SIM, permitindo cambiar entre redes sen perder cobertura.
Ao igual ca o smartphone, integra Android 15 e o chip Snapdragon 7s Gen 3, con opcións de ata 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ampliábeis. Grazas á compatibilidade con Samsung DeX, pódese conectar a un monitor e traballar coma se fose un PC. As funcións de intelixencia artificial fan o día a día máis sinxelo con ferramentas como Seleccionar con IA, Lectura en voz alta ou Circle to Search.
A tablet inclúe Samsung Knox Vault, recoñecemento facial e lector de pegada dixital, garantindo protección avanzada dos datos. Algo que pode ser interesante especialmente para empresas con altos requirimentos de seguridade.
Dispoñibilidade e prezo dos novos dispositivos resistentes de Samsung
Tanto o Galaxy XCover7 Pro como a Galaxy Tab Active5 Pro estarán dispoñíbeis a partir de abril de 2025, se ben Samsung aínda non indicou os prezos aos que a comercializará.
