Google lanza Veo 2: agora podes crear vídeos en alta definición con texto grazas a Gemini e Whisk

Google vén de dar un novo paso máis na creación multimedia impulsada por IA coa chegada de Veo 2, o seu modelo de xeración de vídeo máis avanzado. Desde finais da semana pasada, as subscritoras de Gemini Advanced xa poden transformar indicacións escritas en vídeos de alta calidade de até 8 segundos, directamente dende a app ou web de Gemini. Ademais, as usuarias do plan Google One AI Premium tamén poden animar imaxes co novo Whisk Animate.

Veo 2: creación de vídeos realistas con IA

Veo 2 é un modelo de IA de última xeración deseñado para crear vídeos realistas, detallados e cinematográficos a partir de simples descricións textuais. Grazas a unha comprensión mellorada da física do mundo real e dos movementos humanos, os vídeos resultantes presentan escenas fluídas e movementos naturais, que poden ser de interese para contidos artísticos ou profesionais.

O seu funcionamento é moi sinxelo. No menú de modelos de Gemini deberase escoller o modelo Veo 2, para a continuación describir a escena que se quere crear (unha historia, unha paisaxe, unha idea visual…). Gemini creará así un vídeo de 8 segundos a 720p en formato horizotal (16:9) e MP4.

Unha vez creado, poderemos descargalo ou compartilo directamente en redes sociais, como TikTok ou YouTube Shorts directamente desde o móbil. Iso si, Google asegura que hai un límite no número de vídeos que se poden crear ao mes, e se ben non detalla o número deles, asegura que avisará ás usuarias cando se acheguen a el.

Whisk Animate: da imaxe ao vídeo en segundos

Presentado inicialmente como unha ferramenta de xeración de imaxes, Whisk evoluciona con Whisk Animate, que permite converter eses debuxos ou creacións gráficas en animacións vivas de 8 segundos grazas tamén a Veo 2.

Está dispoñíbel desde finais da semana pasada para usuarias de Google One AI Premium en todo o mundo, e resulta moi interesante para dar vida a conceptos creativos, deseños gráficos ou presentacións visuais de forma rápida e intuitiva.

Seguridade e transparencia

Ambas ferramentas contan con medidas de seguridade para evitar usos indebidos, entre as que destacan o Red teaming e revisións constantes para evitar contido que infrinxa políticas. Ademais, todos os vídeos xerados levan a marca de auga SynthID, un selo dixital invisíbel que indica que foron creados por IA.

Gemini e Whisk con Veo 2 marcan un antes e un despois na creación de vídeos coa intelixencia artificial de Google. Sen necesidade de software complexo nin experiencia previa, agora calquera pode dar vida ás súas ideas visuais cun só prompt. Desde escenas realistas ata mundos de fantasía, a imaxinación semella ser o único límite.

Sobre o autor

Reply