Honor Power: o primeiro móbil do mundo cunha batería de 8.000 mAh xa é oficial

Honor acaba de presentar o Honor Power, un novo smartphone de gama media que fai historia ao integrar a primeira batería de 8.000 mAh nun dispositivo móbil sen engadir grosor nin comprometer o deseño. Con esta aposta, a marca chinesa quere demostrar que é posíbel levar a autonomía a un novo nivel nun formato compacto.

Un novo estándar en duración de batería

A batería de 8.000 mAh do Honor Power supera incluso a dalgunhas tablets, como o iPad Air 11 de Apple (2025). Segundo datos oficiais, esta capacidade permite até 25 horas de reprodución de vídeo, 23 de uso continuo de TikTok ou de navegación web e até 14 horas de gaming intensivo. Unhas cifras que converten ao Honor Power nun dos smartphones con maior autonomía do mercado actual.

En canto á velocidade de carga, o Honoe Power admite carga rápida de 66 W, que se ben non é a máis rápida do mercado (nin da marca) sitúase por riba da de moitos móbiles de alta gama actuais.

Especificacións técnicas do Honor Power

Máis aló da batería, o Honor Power posiciónase como un gama media sólido, cun conxunto técnico equilibrado que inclúe un procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 3, con 12 GB de RAM e almacenamento interno de até 512 GB.

Incorpora unha pantalla OLED de 6,78 polgadas, micro curvada, con resolución 1224 x 2700 px, taxa de refresco de 120 Hz, brillo máximo de 4.000 nits e 10 bits de cor. As sñuas cámaras están compostas por unha dobre cámara traseira (50 MP principal + 5 MP ultra gran angular) e unha cámara frontal de 16 MP.

Por último, ofrece NFC e o chip Honor C1+ para mellora de posicionamento con BeiDou e GPS de alta precisión.

Honor Power: dispoñibilidade e prezo

O novo Honor Power está dispoñíbel en tres cores: Phantom Night Black, Desert Gold e Snow White. De momento só pode reservarse en China, pero espérase o seu lanzamento internacional proximamente. En canto a prezos, ao cambio temos unha versión básica por uns 240 euros, que sube até arredor dos 300 euros na que ten máis capacidade de memoria.

O Honor Power non pretende competir en cámara nin en deseño premium, senón ofrecer a mellor autonomía posíbel nun smartphone actual, mantendo un prezo contido e especificacións equilibradas. Pode ser unha opción ideal para usuarias que priorizan a duración da batería por riba doutras funcións, como profesionais en mobilidade, estudantes ou viaxeiras.

Sobre o autor

Reply