A operadora Telefónica segue a liderar o despregamento do 5G de última xeración en Galiza, consolidando a súa posición como referente en conectividade móbil de altas prestacións. A día de hoxe, 52 dos 93 concellos da provincia da Coruña xa dispoñen de cobertura 5G na banda de 3.500 MHz, a de maior velocidade e menor latencia.
Este avance súmase á cobertura do 5G na banda de 700 MHz, que xa está presente en 87 concellos coruñeses, mellorando a recepción en interiores e aumentando a cobertura en exteriores.
No conxunto de Galiza, Telefónica afirma acadar xa o 93,3% da poboación con cobertura 5G, con tecnoloxía de altas prestacións en 117 municipios e 5G en 700 MHz en 250 concellos. Este despregamento complementa unha das redes de fibra óptica máis robustas de Europa, con preto do 90% de cobertura en Galiza e máis de 1,8 millóns de fogares e empresas conectados á rede FTTH (fibra até o fogar).
En Lugo e Pontevedra tamén medra o 5G de altas prestacións
Lugo e Pontevedra avanzan tamén no despregamento de 5G de altas prestacións da man da operadora azul. En Lugo, Telefónica xa ofrece 5G en 3.500 MHz en 20 dos 67 concellos, e cobertura en 700 MHz en 63 municipios (94% do total), mentres que no caso de Pontevedra, o 5G de altas prestacións está dispoñíbel en 32 dos 61 concellos, mentres que o 5G en 700 MHz chega a 55 concellos (90%).
A nivel estatal, Telefónica supera xa os 2.000 municipios con cobertura 5G na banda de 3.500 MHz, cun crecemento do 33% respecto ao peche de 2024. En total, a rede 5G da operadora cobre máis do 91% da poboación española, con despregamento tanto en grandes cidades como en vilas pequenas e zonas rurais.
5G Stand Alone: conectividade para o futuro
Un dos grandes avances tecnolóxicos é a activación do 5G SA (Stand Alone, comercializado como 5G+) en todos os concellos con cobertura 5G de Telefónica, sexa en 700 MHz, 3.500 MHz ou ambas. Esta versión avanzada do 5G permite melloras importantes, que inclúen maiores velocidades de descarga, latencia ultra baixa, estabilidade na conexión e compatibilidade con Network Slicing e Edge Computing, ideais para aplicacións industriais, portuarias ou en Smart Cities
Con estes avances, Telefónica sitúase á vangarda da conectividade móbil en Galiza e no resto do Estado, garantindo acceso ao 5G de altas prestacións tanto nas cidades como nas áreas rurais. Unha aposta clara pola transformación dixital e a igualdade de oportunidades tecnolóxicas para todos os territorios.
