Motorola segue apostando forte polo mercado dos smartphones encartábeis e todo apunta a que o seu próximo lanzamento será un dos máis destacados do 2025. Falamos do motorola RAZR 60 Ultra, a xoia da nova xeración de dispositivos tipo cuncha, do que vimos falando nas últimas semanas. A última filtración vén de deixar ao descuberto case todo o que quedaba por saber.
Segundo esta información, a través do reputado filtrador Evan Blass, o motorola RAZR 60 Ultra contará cunha pantalla externa de 4 polgadas con resolución Full HD (1.272 x 1.080 píxeles), pensada para ofrecer unha experiencia completa sen ter que abrir o dispositivo. No interior, atopamos unha pantalla principal de 7 polgadas con resolución 1.5K (2.992 x 1.224 píxeles) e taxa de refresco adaptativa de até 165 Hz, ideal para quen busca fluidez extrema en animacións e xogos.
No seu interior, este novo RAZR virá equipado co procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, un dos chips máis potentes do momento, pensado para ofrecer un rendemento excepcional tanto en tarefas diarias como en xogos ou edición multimedia. A isto hai que sumarlle 16 GB de RAM, ampliábeis grazas á RAM virtual, e un almacenamento interno de até 1 TB, algo pouco habitual mesmo nos modelos máis premium.
No apartado fotográfico, o dispositivo integrará un sensor principal traseiro de 50 MP e unha cámara frontal tamén de 50 MP, o que augura autorretratos de altísima calidade e imaxes nítidas en todo tipo de condicións.
A autonomía será outro dos puntos fortes, cunha batería de 4.700 mAh e carga rápida Turbo Power de 68 W, que promete recuperar boa parte da enerxía en poucos minutos.
Por último, en canto ao software, o RAZR 60 Ultra chegará con Android 15, a última versión do sistema operativo de Google, e contará con tres actualizacións garantidas do sistema operativo, algo que reforza a confianza a longo prazo neste tipo de dispositivos de gama alta.
Un modelo encartábel que aspira á excelencia
Co seu deseño compacto tipo cuncha, unha folla de especificacións de primeira e un enfoque claramente premium, o motorola RAZR 60 Ultra quere competir cara a cara con modelos como o Galaxy Z Flip ou o OPPO Find N2 Flip. Estará dispoñíbel en catro cores, incluíndo o exclusivo acabado Pantone Rior Red, que xa puidemos ver en imaxes filtradas.
Todo apunta a que Motorola está a piques de anunciar a data de lanzamento oficial, na que deberíamos coñecer o prezo de venda.
