“Chave ABANCA” convértese na primeira solución bancaria española certificada con FIDO, o estándar global contra o phishing

ABANCA deu un paso importante cara ao futuro da seguridade bancaria dixital ao converterse na primeira entidade financeira do Estado en obter a certificación FIDO para unha solución de autenticación baseada en passkeys. A súa ferramenta, Chave ABANCA, permite verificar a identidade da súa clientela a través do método de desbloqueo do móbil, sen necesidade de contrasinais nin códigos por SMS.

Esta certificación foi outorgada pola FIDO Alliance (Fast IDentity Online), a organización internacional de referencia en estándares de autenticación segura, formada por líderes tecnolóxicos como Google, Apple, Microsoft, Amazon e Visa. Este recoñecemento garante que Chave ABANCA cumpre cos máis altos estándares de seguridade, usabilidade e privacidade na verificación de identidade en liña.

Que é Chave ABANCA e como funciona?

Chave ABANCA é unha solución de autenticación biométrica avanzada baseada en tecnoloxía passkey, que substitúe as contrasinais por claves cifradas seguras. Unha vez activada na app de banca móbil de ABANCA, as usuarias poden confirmar operacións simplemente empregando o método de desbloqueo do seu móbil (pegada dixital, recoñecemento facial ou PIN).

A vantaxe? A clave privada nunca sae do dispositivo e os datos biométricos permanecen gardados localmente, polo que non se expoñen en redes nin servidores externos, protexendo así a privacidade das usuarias.

Grazas á súa arquitectura segura, Chave ABANCA impide que un terceiro poida interceptar ou duplicar o proceso de autenticación, mesmo se as usuarias caen nun engano.

Segundo datos da entidade, máis do 42% das usuarias da app xa empregan esta ferramenta para validar operacións sensíbeis como envío de cartos, creación de tarxetas virtuais, consulta de CVV, confirmación de pagos e transferencias.

Aquelas usuarias de ABANCA que aínda non teñen esta funcionalidade activada poden configurala en poucos minutos desde a aplicación, podendo escoller entre uso epuntual e validación de operacións críticas. A funcionalidade é compatíbel tanto co sistema operativo Android como con iOS.

Sobre o autor

Reply