Spotify prepara unha nova subida de prezos en Europa, que se aplicará a partir do próximo verán. Segundo filtracións internas reveladas por The Financial Times, o prezo da subscrición Premium pasará de 10,99 euros a 11,99 euros ao mes, un incremento que, se ben parece pequeno, será o segundo en dous anos, xa que no 2023 xa pasara dos 9,99 euros tradicionais aos 10,99 euros actuais.
Aínda que o foco principal está na subida da tarifa individual Premium, espérase que outros plans como Spotify Duo e Spotify Familiar tamén experimenten incrementos similares. En Estados Unidos, o plan Duo subiu dous dólares e o Familiar chegou a encarecerse un 25%, polo que en Europa os novos prezos en euros poderían seguir esa mesma liña. Por agora, Spotify non confirmou oficialmente estas tarifas para o noso país.
O que resulta especialmente polémico é que esta subida de prezo non virá acompañada de melloras no servizo. Spotify segue sen ofrecer sonido en alta definición de serie, algo que xa incorporan rivais como Apple Music e Amazon Music sen custo adicional. De feito, o acceso ao audio en alta calidade quedaría reservado para unha futura subscrición “Super Premium”, que engadiría uns 6 euros máis ao prezo base, acadando un custe estimado de 17,99 euros ao mes.
Esta nova modalidade Super Premium, segundo as filtracións, non só ofrecería audio de maior calidade, senón tamén acceso anticipado a novas cancións e outras vantaxes exclusivas, como entradas prioritarias para concertos. Spotify aposta así polo que chama “Streaming 2.0“, unha estratexia que parece orientada a crear unha experiencia máis exclusiva para quen estea disposto a pagar máis.
Aínda que Spotify será dos primeiros en introducir este modelo máis caro, outras plataformas como Apple Music, Amazon Music e YouTube Music tamén estarían preparando plans similares. A música en streaming está a piques de entrar nunha nova etapa, pero a cambio dun maior esforzo económico para as usuarias. A pregunta é canto estamos dispostas a pagar?
