A serie X200 de vivo engadiu recentemente dous membros, co X200s e X200 Ultra. Porén, semella que a cousa non vai quedar aí, e que en próximas datas imos coñecer un novo membro do grupo. Falamos do vivo X200 FE, un dispositivo que xa se deixa ver en imaxes, e cuxa folla de características tamén foi filtrada.
Segundo apuntan estas informacións, o novo X200 FE incluiría unha pantalla de 6,31 polgadas, con resolución 1216 x 2640 píxeles e taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior atopamos o procesador MediaTek Dimensity 9400e, que previsibelmente estará acompañado de diversas opcións de RAM e memoria interna.
Nas cámaras temos un sistema de cámara traseiro formado por dous sensores de 50 MP (principal e telefoto), ademais dunha terceira cámara para selfies, tamén de 50 MP. E no que ten a ver coa autonomía, se ben non hai datos concretos sobre a capacidade da batería que incluiría, si que se adianta que será compatíbel con carga mediante cable de 90 W.
Agora só queda agardar a que vivo faga oficial a data de lanzamento, e acabe por confirmar todos os detalles técnicos que incluirá este dispositivo que debería chegar ao mercado europeo cun prezo medio.