Google Wallet está a piques de introducir unha das melloras máis esperadas por moitas usuarias: a posibilidade de engadir tarxetas bancarias simplemente achegándoas ao móbil, grazas á tecnoloxía NFC. Segundo unha análise recente da última beta de Google Play Services (versión 25.16.33), a aplicación integrará esta funcionalidade xunto coas opcións actuais de escaneado con cámara ou inserción manual dos datos.
Engadir tarxetas a Google Wallet será máis rápido e cómodo
Até o de agora, para usar Google Wallet tiñamos que escanear a tarxeta coa cámara ou introducir os datos a man. Con esta nova opción, bastará con achegar unha tarxeta contactless (con chip NFC) á parte traseira do móbil para que se lean automaticamente datos como o número e a data de caducidade. Por motivos de seguridade, probablemente haberá que introducir manualmente o CVV e completar algúns pasos de verificación segundo a entidade bancaria.
Esta funcionalidade aparecerá na pantalla de “Engadir método de pago”, xunto coas opcións actuais. Unha mensaxe guiará ás usuarias: “Achega a tarxeta á parte traseira do dispositivo até que vibre”, indicando que a lectura NFC se realizou correctamente.
Non todas as tarxetas serán compatíbeis
Aínda que o sistema promete ser revolucionario, non todas as tarxetas poderán utilizar esta nova opción. É probábel que se limite a tarxetas compatibles co estándar EMV (Europay, Mastercard e Visa), que son as que incorporan chip e permiten tanto pagamentos con inserción como sen contacto.
Aínda que Google non confirmou oficialmente a data de lanzamento, o feito de que esta función xa estea presente no código da versión beta indica que podería chegar en cuestión de semanas aos dispositivos Android compatíbeis.
Google Wallet dálle unha volta á experiencia de pago móbil
Con esta actualización, Google Wallet dá un paso máis cara a converterse na carteira dixital máis práctica e avanzada, ofrecendo unha experiencia de uso máis fluída, rápida e intuitiva. Este movemento tamén responde á crecente competencia con plataformas como Samsung Pay e Apple Pay, que levan tempo innovando neste eido.
Para as usuarias, isto significa menos tempo introducindo datos e máis comodidade á hora de configurar os nosos métodos de pago móbil. Novidades coma esta, que se suman avances como a chegada do DNI electrónico, fan que a era da carteira física continúe a perder terreo fronte ao avance imparábel das solucións dixitais.
