Samsung continúa impulsando a integración da intelixencia artificial (IA) nos seus smartphones, e esta vez faino democratizando o acceso á súa funcionalidade máis innovadora. A partir de maio de 2025, varios modelos da serie Galaxy A poderán activar o asistente Gemini de Google simplemente premento o botón lateral, unha función ata agora exclusiva da gama Galaxy S.
Un paso máis cara á IA accesíbel para todas
A nova funcionalidade forma parte do compromiso de Samsung por facer a IA móbil máis accesíbel. A través dunha actualización de software en modelos seleccionados —entre eles os Galaxy A56 5G, A55 5G, A36 5G ou A26 5G, entre outros— as usuarias poderán invocar Gemini cun simple xesto, sen necesidade de abrir aplicacións nin realizar comandos complexos.
Isto supón unha mellora significativa na experiencia diaria, xa que permitirá consultar a axenda, obter recomendacións, atopar lugares próximos ou enviar mensaxes usando só a voz, aproveitando todo o potencial de Gemini en combinación co ecosistema de apps de Samsung, Google e aplicacións de terceiros compatíbeis.
Tarefas intelixentes, feitas en segundos
Con esta integración, tarefas cotiás como buscar un restaurante para cear, enviar unha dirección por mensaxe ou pedir suxestións de agasallos serán máis sinxelas que nunca. Por exemplo, poderemos dicirlle a Gemini que busque establecementos seguindo un criterio de busca específico (“busca restaurantes italianos con terraza preto de min”), e en segundos terá unha lista coas mellores opcións, listas para compartir.
Esta funcionalidade tamén mellora a eficiencia multitarefa, permitindo executar accións combinadas entre aplicacións con só un comando.
Dispoñibilidade da actualización
Segundo confirmou Samsung nun comunicado, a actualización estará dispoñíbel a nivel global nos dispositivos Galaxy A compatíbeis con One UI 7, a partir de maio. A súa implementación será gradual e pode variar segundo o mercado, operador ou modelo concreto.
Con este movemento, Samsung non só reforza a súa colaboración estratéxica con Google, senón que tamén leva a experiencia de IA móbil a un público moito máis amplo, ofrecendo ferramentas realmente útiles a través dun hardware accesible e recoñecido polo seu equilibrio entre calidade e prezo.
