A Axencia Espacial Europea (ESA) lanzou con éxito o seu revolucionario satélite Biomass, deseñado para ofrecer datos sen precedentes sobre os bosques do planeta e o seu papel fundamental no ciclo global do carbono. O satélite despegou o 29 de abril dessde o Porto Espacial Europeo en Kourou (Guayana Francesa), a bordo dun foguete Vega-C.
Unha misión pioneira para entender o ciclo do carbono
Biomass leva a bordo o primeiro radar de apertura sintética en banda P enviado ao espazo, unha tecnoloxía capaz de penetrar a cuberta dos bosques e medir a biomasa leñosa —troncos, polas e talos— onde se acumula a maior parte do carbono forestal. Isto permitirá estimar con moita maior precisión canto carbono almacenan os bosques do planeta e como está a cambiar esa cifra co paso do tempo, algo crucial para loitar contra o cambio climático.
Segundo a ESA, os bosques —coñecidos como os “pulmóns verdes da Terra”— absorben arredor de 8.000 millóns de toneladas de CO₂ ao ano, pero a deforestación e degradación, especialmente nos trópicos, están revertendo esta función vital ao liberar de novo ese carbono á atmosfera.

Obxectivo: reducir a incerteza nos datos
Até o de agora, un dos grandes desafíos para a comunidade científica e os responsábeis políticos era a falta de datos precisos sobre os stocks de carbono forestal e como varían debido a factores como o quecemento global, o aumento do CO₂ atmosférico e o cambio no uso do solo. Biomass resolverá este baleiro de información ofrecendo unha visión tridimensional dos bosques, estimando a súa altura, densidade e evolución.
Ademais da medición do carbono forestal, o satélite tamén servirá para estudar hábitats en risco de desaparición, o impacto da perda de biodiversidade e mesmo permitirá o mapeo da xeoloxía subterránea en zonas desérticas, o perfil do solo forestal e as estruturas dos casquetes de xeo.

Biomass foi desenvolvido por un consorcio de máis de 50 empresas lideradas por Airbus UK, e xa está en órbita tras recibir o sinal inicial desde o centro de operacións da ESA en Alemaña, vía estación Troll na Antártida.
O lanzamento: Vega-C segue a demostrar o seu potencial
O foguete Vega-C, evolución da familia Vega, foi o encargado de poñer en órbita o Biomass. Con 35 metros de altura e capacidade para transportar ata 3.300 kg, este lanzador europeo está deseñado para enviar ao espazo satélites científicos e de observación da Terra con maior precisión e rendemento.
