A fintech Revolut segue a ampliar os seus servizos máis alá do sector financeiro e acaba de anunciar a súa entrada no mercado das telecomunicacións como operadora móbil virtual (OMV). A compañía estreará esta nova proposta no Reino Unido e Alemaña antes de finais de 2025, cun servizo que promete sinxeleza, transparencia e integración total coa súa aplicación móbil.
Revolut, moito máis ca un banco dixital
Revolut, coñecida inicialmente como alternativa bancaria para pagamentos en liña e viaxes internacionais, leva anos diversificando a súa oferta. Actualmente ofrece desde investimentos ata puntos de fidelización, seguros, acceso a salas VIP nos aeroportos e, desde hai tempo, tamén servizo de datos móbiles mediante eSIM globais. Esta opción resulta especialmente útil para quen viaxa con frecuencia, permitindo conexión inmediata en diferentes países sen cambiar de operador.
O salto ao mercado OMV é, pois, un paso natural nun proceso de expansión que xa supera os 50 millóns de usuarias no mundo.
Como será o servizo móbil de Revolut?
A compañía asegura que a súa proposta busca mellorar aspectos clave que adoitan fallar nas operadoras tradicionais: evitar tarifas ocultas, eliminar permanencias e simplificar a xestión do servizo a través da súa propia app.
Os primeiros detalles revelados inclúen a plans con chamadas, SMS e datos ilimitados no territorio nacional, 20 GB de roaming en Europa e nos Estados Unidos e número de teléfono local e opción de portabilidade ou alta nova.
Como era de imaxinar, o neobanco propón a xestión completa do servizo desde a app de Revolut, a posibilidade de pagar a tarifa con RevPoins e un prezo de lanzamento que se situaría arredor dos 15 euros ao mes (12,50 libras no Reino Unido).
Aínda non se coñecen os operadores cos que Revolut establecerá alianzas para dar cobertura, pero o anuncio oficial apunta a finais de 2025 como data estimada para o lanzamento nos dous primeiros países.
Un servizo que podería chegar ao Estado español
Por agora, a proposta de OMV de Revolut está limitada ao Reino Unido e Alemaña, mais a experiencia doutros lanzamentos da marca indica que o Estado español podería ser un dos próximos mercados. De feito, a eSIM global de Revolut xa está dispoñíbel para a clientela con plans premium, e moitas usuarias empregan os seus plans de datos mesmo dentro do país para contar cunha segunda liña ou como alternativa en casos de emerxencia.
Nun contexto no que cada vez máis servizos se integran en plataformas dixitais multifuncionais, o movemento de Revolut consolídaa como unha das fintechs máis innovadoras de Europa, agora tamén no sector das telecomunicacións.
