O galego está en auxe na rede. Instagram e, especialmente, TikTok están a converterse en ferramentas fundamentais para o fomento do uso do galego nas redes sociais, impulsando a creación de contido na nosa lingua e chegando a novos públicos. Cada vez son máis as creadoras e creadores que se animan a usar o galego para compartir historias, humor, recomendacións literarias ou contido educativo, un fenómeno que tamén se ve impulsado por iniciativas e certames como Youtubeiras ou o Carballo Interplay, que levan anos premiando e visibilizando o talento dixital en galego.
Conscientes deste movemento, TikTok súmase á celebración do Día das Letras Galegas, destacando o auxe do contido en galego e o crecemento da comunidade #BookTok galega. Cada vez son máis as creadoras e creadores que empregan TikTok para divulgar a cultura, a literatura e a historia de Galiza, conectando co público galego e internacional.
O contido en galego gaña forza en TikTok
Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado ao cancioneiro popular galego e á súa transmisión oral, un tema que encaixa á perfección co espírito colaborativo e comunitario de TikTok. Vídeos sobre a historia da emigración galega, recomendacións de libros en galego ou a recuperación de cantigas tradicionais están a chegar a unha audiencia global grazas ao alcance da plataforma, que conta con máis de mil millóns de usuarias en todo o mundo.
A etiqueta #galego, con máis de 43.000 publicacións, e #galegosnotiktok, con case 32.000 publicacións, son só dous exemplos do interese crecente pola cultura galega na plataforma. Esta tendencia vese reflectida na actividade de creadoras como @librariaclarion e @pradorua, referentes no panorama de contido en galego en TikTok.
TikTok, aliado para as PEMEs galegas
TikTok tamén está a ser unha plataforma fundamental para pequenas empresas, autónomas e comercios galegos que atopan nesta rede unha fiestra para dar a coñecer os seus produtos e servizos. É o caso de Libraría Clarión, situada en Carballo, que desde o verán de 2024 emprega TikTok para conectar coa súa clientela.
Eva, responsábel da libraría e creadora detrás de @librariaclarion, comenta que “dúas ou tres persoas ao día chegan á libraría despois de ver un vídeo en TikTok. Algunhas veñen de lonxe, incluso de fóra de Gakuza, tras descubrir os nosos contidos na plataforma”.

Ademais de promocionar libros en galego, Eva aproveita a súa presenza en TikTok para compartir recomendacións literarias e destacar obras de autoras e autores galegos. Neste Día das Letras Galegas, a súa escolla é ‘Cantareiras’, un libro do historiador Xosé Manuel Varela e da súa filla Icía Varela, pandereteira e cantante. “É un traballo moi ameno e detallado sobre as cantareiras tradicionais da nosa rexión, ideal para celebrar esta data”, afirma Eva.
Referentes femininas
A comunidade galega de TikTok conta con varias referentes femininas, como @pradorua, unha licenciada en Educación Infantil que combina humor e dinamismo para dar voz a historias e acontecementos históricos e culturais galegos na plataforma. María, o seu nome máis aló de TikTok, destaca que xente de América Latina concactoulle para dicirlle que se interesaron pola cultura galega grazas ao seu perfil, e recomenda dous títulos imprescindibles para celebrar o Día das Letras Galegas.

“Por unha banda, teño que recomendar ‘Cousas’ de Castelao, porque é unha obra que transmite á perfección a sociedade do século XX, como pensaba a xente e o que estaba a suceder. Tamén transmite o Castelao que se fundiu coa idiosincrasia galega. Por outra banda, e baseándome na miña formación académica, debo recomendar algúns libros ilustrados. Son una gran defensora dos libros ilustrados, e malia que moitas veces sexan tratados como libros infantís, poden contar historias poderosas, intensas e significativas. Non sei se este se podería etiquetar como banda deseñada, tal vez non, pero ‘Saínza a Punkiereteira’ é un libro que todos e todas poderíamos ler con gusto. Penso que debería ser unha obra imprescindíbel nos andeis das crianzas e adolescentes galegas”.
Imaxe portada: @tiktokengalego
