LG continúa a apostar pola súa nova gama de portátiles gram, cuxos últimos modelos xa están dispoñíbeis no noso país. Seguindo a liña dos anteriores, destacan por combinar portabilidade extrema, rendemento avanzado e conectividade , ofrecendo solucións ideais para estudantes, profesionais e creadores de contido.
Portabilidade e autonomía: deseñados para a mobilidade
A portabilidade segue a ser o sinal de identidade da gama LG gram 2025, con dispositivos que pesan desde 999 gramos e ofrecen unha autonomía de até 30 horas. Estes portátiles están pensados para quen precisa traballar desde calquera lugar sen comprometer a duración da batería.
Entre os modelos máis destacados, atopamos o LG gram Pro 16Z90TS, que incorpora un procesador Intel Core Ultra 9 (Lunar Lake), optimizado para a intelixencia artificial. Con tan só 1.239 gramos de peso, un perfil ultrafino de 12,4 mm e unha batería que alcanza as 25,5 horas de uso, é a opción perfecta para aqueles que buscan máxima eficiencia.
Pola súa parte, o LG gram 16Z90TR aposta polo procesador Intel Core Ultra 7 (Arrow Lake) e inclúe unha tarxeta gráfica NVIDIA GeForce RTX 5050, pensada para tarefas de edición de contidos e traballos esixentes. Con 1.360 gramos e un grosor de 15,4 mm, este modelo destaca tamén pola súa taxa de refresco variable (VRR), que mellora a fluidez visual.
Intelixencia Artificial integrada: LG gram AI e Copilot
Máis aló das súas especificacións técnicas, a gran novidade desta xeración é a incorporación da intelixencia artificial híbrida LG gram AI, que integra dúas funcionalidades clave: gram Chat On-Device e gram Chat Cloud. Mentres que a primeira permite xestionar tarefas e buscar documentos de forma local sen conexión a Internet, a segunda potencia a produtividade mediante a integración coa IA GPT-4o e plataformas como Google Workspace e Microsoft 365.
A combinación de LG gram AI con Copilot facilita a multitarefa mediante unha tecla específica, axilizando a execución de tarefas complexas e garantindo unha experiencia máis fluída e personalizada.
LG gram 16Z90TL: ultrafino, autónomo e eficiente
Outro modelo relevante é o LG gram 16Z90TL, dispoñíbel en versións de 14 e 17 polgadas. Cun peso de 1.239 gramos e un grosor de 15,4 mm, este dispositivo destaca pola súa autonomía de até 28,5 horas e a súa resistencia certificada baixo os estándares MIL-STD-810H, que garante fiabilidade en calquera situación.
Equipado cun procesador Intel Core Ultra (Arrow Lake) e Copilot+ PC, o 16Z90TL combina rendemento avanzado e IA para ofrecer unha experiencia completa, especialmente pensada para usuarias que buscan máxima portabilidade sen renunciar á potencia.
Prezos e dispoñibilidade
Os novos portátiles da gama LG gram 2025 xa están dispoñibles en España, con prezos que comezan en 1.999 € para os modelos gram e 2.349 € para os gram Pro. Inclúen, ademais, un ano de subscrición ao servizo gram Chat Cloud, valorada en 109 €, para potenciar aínda máis a experiencia das usuarias.
Máis info | LG
