Malia que apenas escoitemos nada dela, Sony está disposta a manterse no mercado dos smartphones cun novo modelo: o Sony Xperia 1 VII chegará oficialmente o 15 de maio, pero xa podemos coñecer os seus detalles grazas a unha importante filtración que revela o deseño, as especificacións e as cores nas que estára dispoñíbel este dispositivo.
Deseño fiel á identidade Xperia e cámara con tecnoloxía ZEISS
O Xperia 1 VII chega con tres opcións de cor: negro, verde e púrpura, mantendo a liña estética característica da marca. A súa estrutura destaca por ser dun só corpo, con bordos rectos e un formato que aposta por superficies planas tanto na pantalla como na parte traseira.

A pantalla mantén os marcos superiores e inferiores lixeiramente máis grosos ca os que podemos atopar na competencia, co obxectivo de evitar os buratos no panel para a cámara frontal. Así, Sony aposta por un deseño máis clásico, centrado na simetría e na experiencia visual inmersiva.
Todos os botóns están situados no lateral dereito do dispositivo. Aquí atopamos o botón de acendido, que tamén funciona como lector de pegadas dixitais, o control de volume e un botón físico dedicado ao disparo da cámara, unha opción que Sony mantén fiel á súa filosofía centrada na fotografía.
Na parte traseira, o Xperia 1 VII incorpora un módulo de triple cámara vertical, situado no lado superior esquerdo. Este sistema de cámaras está composto por un lente ultra gran angular, unha cámara principal (angular) e un módulo telefoto periscopio, pensado para capturar imaxes a distancia con gran detalle.
Unha das novidades é a inclusión da tecnoloxía ZEISS T, un revestimento óptico que minimiza os reflexos e mellora a calidade das imaxes. Esta colaboración con ZEISS non é nova para Sony, pero supón un paso máis na busca dunha fotografía de alta calidade.
Por último, cabe sinalar que aínda que moitas marcas decidiron prescindir do audio jack, Sony mantén este conector no Xperia 1 VII, nunha aposta clara pola versatilidade. Ademais, o dispositivo incluirá altavoces estéreo, garantindo unha experiencia auditiva envolvente.
Xperia 1 VII: data de lanzamento
O 15 de maio é a data marcada para a presentación oficial do Xperia 1 VII. A falta de confirmacións sobre as súas especificacións internas, o que si sabemos é que Sony seguirá apostando polo deseño clásico, a fotografía premium e a experiencia multimedia.

Nun mercado dominado por pantallas curvas e buratos para as cámaras, Sony parece manter a súa esencia con este modelo, dirixíndose a un público que valora outros aspectos, como a calidade de imaxe, a conectividade e a funcionalidade por riba das tendencias.
