O Clúster TIC Galicia reafirma o seu papel como referente formativo no sector tecnolóxico galego tras capacitar a 5.951 persoas en áreas clave como intelixencia artificial, ciberseguridade e desenvolvementos cloud. Esta iniciativa forma parte da sexta edición do seu programa formativo, desenvolvido entre setembro de 2024 e marzo de 2025 en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galiza.
Un plan formativo adaptado ao mercado laboral
O programa, cun orzamento de 2.083.000 euros, incluíu un total de 229 cursos, ofrecidos por 14 entidades especializadas e impartidos por 92 docentes cunha ampla traxectoria profesional. Os cursos, tanto en aula virtual como en teleformación, foron orientados tanto a persoas en activo como a demandantes de emprego, promovendo o reskilling e a actualización profesional de 3.822 traballadoras ocupados e 2.129 desempregadas.
En canto á distribución por xénero, o 65% do alumnado foi masculino (3.886 homes) e o 35% feminino (2.065 mulleres), unha cifra que reflicte a realidade actual do sector tecnolóxico galego, onde a presenza feminina é minoritaria.
Formación diversificada e de alto valor engadido
A oferta formativa destacou por estar centrada nas competencias tecnolóxicas emerxentes, con contidos adaptados ás demandas do mercado laboral. Así, as materias máis solicitadas incluíron intelixencia artificial, ciberseguridade e desenvolvementos cloud, áreas consideradas estratéxicas para o crecemento do sector TIC en Galiza.
Ademais, o Clúster TIC Galiza continúa apostando pola calidade formativa e pola especialización como claves para cubrir as vacantes do sector, avanzando cara a unha comunidade máis capacitada para afrontar os retos tecnolóxicos do futuro.
