As novidades do ecosistema Android presentadas no Android Show: I/O Edition

Google presentou no evento Android Show: I/O Edition importantes novidades que revolucionarán o ecosistema Android, destacando especialmente -como non podería ser de outro xeito- o asistente intelixente Gemini e as melloras en seguridade e privacidade.

Gemini: o asistente intelixente que vai máis aló do teléfono

Un dos anuncios máis destacados foi a expansión de Gemini, que xa non se limitará aos smartphones. A partir de agora, este asistente estará presente en dispositivos como reloxos intelixentes con Wear OS, televisores con Google TV e vehículos con Android Auto, permitindo unha experiencia máis conectada e integrada.

Ademais, Google está a traballar con Samsung para desenvolver Android XR, unha nova plataforma que combinará Gemini con tecnoloxías de realidade aumentada e virtual, prometendo interaccións máis intuitivas e inmersivas con dispositivos de nova xeración.

Máis seguridade e protección da privacidade

Outro punto clave das presentacións foron as novas medidas de seguridade. Para combater as estafas telefónicas, Android engadirá bloqueos automáticos e alertas personalizadas para advertir aos usuarios. Ademais, realizaranse probas piloto no Reino Unido para mellorar a protección de apps bancarias durante as chamadas telefónicas.

Outras melloras inclúen a ampliación da detección de estafas mediante IA en Mensaxes de Google e Phone by Google, así como a actualización de Key Verifier, que axudará a identificar intentos de suplantación de identidade. En canto á seguridade física dos dispositivos, Android 16 ampliará as proteccións contra roubos, incorporando medidas como a ocultación das contrasinais dun só uso na pantalla de bloqueo.

Android Auto: máis produtividade e diversión ao volante

O ecosistema Android Auto tamén recibiu un impulso importante grazas a Gemini. Agora, os condutores poderán realizar accións complexas de forma sinxela e natural, como enviar mensaxes en varios idiomas ou atopar locais próximos con recomendacións personalizadas.

A funcionalidade Gemini Live permitirá manter conversas contextuais mentres conducimos, ofrecendo consellos ou axuda para situacións cotiás sen perder a concentración na estrada. Esta mellora estará dispoñíbel en coches compatibles con Android Auto nos próximos meses, e tamén en vehículos con Google integrado a finais de ano, como o Lincoln Nautilus, Renault R5 e Honda Passport.

Google tamén está a ampliar o catálogo de aplicacións dispoñibles para Android Auto, incorporando categorías como xogos e vídeo, pensadas para momentos de espera ou carga de vehículos eléctricos. Ademais, as chaves dixitais serán compatíbeiscon máis coches, como Audi, Volvo e Polestar.

Unha experiencia máis conectada e intelixente

Con estas novidades, Google reforza a súa aposta por facer do ecosistema Android un entorno máis integrado, seguro e útil. A combinación de Gemini coa intelixencia artificial e as melloras en seguridade prometen transformar a experiencia dos usuarios en múltiples dispositivos.

Sobre o autor

Reply