O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentar para reclamar ao Goberno do Estado que interveña ante os reiterados bloqueos de webs por parte de LaLiga e Movistar, realizados baixo o pretexto de combater a piratería na emisión dos partidos de fútbol online, e que afectan tamén a usuarias de outras compañías, como O2 ou Digi.
Segundo denunciou Rego, estas prácticas están a provocar o bloqueo indiscriminado de direccións IP completas, afectando a páxinas web culturais, servizos e negocios legais, que quedan inoperativos durante horas ou mesmo días, especialmente nas fins de semana. Unha situación que tamén foi advertida pola entidade xestora do dominio .GAL, PuntoGal, que manifestou a súa preocupación polo impacto que os bloqueos de LaLiga están a ter en páxinas web lexítimas que non están a realizar ningunha actividade ilegal. De feito, segundo os cálculos iniciais de PuntoGal, estas accións poderían estar a afectar arredor de cen sitios con dominio .GAL, que quedan inaccesíbeis durante as retransmisións dos partidos de fútbol.
“Non pode ser que empresas privadas poidan bloquear páxinas webs sen control. A autorización xudicial é absurda neste punto e, ademais, nin sequera se está respectando”, subliña Rego, quen considera que o Goberno está a abandonar as súas funcións e deixando en mans privadas decisións que deben estar suxeitas a control público.
Unha sentenza mal aplicada
A orixe desta situación remóntase a unha sentenza de 2022 dun xulgado de Barcelona, que autorizaba a LaLiga a bloquear dominios para combater a piratería. Porén, esa mesma sentenza especificaba que non se podían causar prexuízos a terceiros, algo que, segundo o BNG e moitas páxinas afectadas, está a acontecer de maneira sistemática.
“Están a pagar xustos por pecadores. Negocios lexítimos están a quedar sen acceso aos seus portais por mor dun criterio que só beneficia aos intereses comerciais de LaLiga e Movistar”, sinala Rego.
O deputado nacionalista considera que estes apagamentos dixitais indiscriminados son unha vulneración dos dereitos das persoas usuarias e das empresas afectadas e reclama ao Goberno que actúe de inmediato para garantir o respecto á legalidade e evitar abusos por parte de empresas privadas.