Novos nubia Z70S Ultra e nubia Pad Pro: a revolución da IA aplicada á fotografía e produtividade

A marca nubia, pertencente a ZTE, acaba de anunciar o lanzamento de dous novos dispositivos: o nubia Z70S Ultra, un smartphone premium centrado na fotografía, e a nubia Pad Pro, unha tablet pensada para ofrecer unha experiencia audiovisual inmersiva e un rendemento superior.

nubia Z70S Ultra: fotografía (case) profesional no peto

O novo smartphone nubia Z70S Ultra aposta por converterse no referente da fotografía móbil grazas a unha serie de innovacións tecnolóxicas que melloran a calidade de imaxe en calquera situación.

Entre os seus puntos fortes destacan o sistema óptico Neo Master 35 mm (garantindo imaxes máis nítidas e detalladas); o sensor Light Master 990 (desenvolto por Omnivision, ofrece unha resolución de 50 MP cun tamaño de píxel de 1.2 micras e formato óptico de 1/1.3 polgadas); enfoque automático H/V QPD (permite capturar obxectos en movemento con maior precisión); tecnoloxía HDR DCG (fotografías máis equilibradas en condicións de luz complicada); lente ultra gran angular de 50 MP e teleobxectivo periscópico de 64 MP con enfoque macro a 15 cm, ideal para captar detalles extremos.

A cámara do nubia Z70S Ultra tamén incorpora funcións avanzadas de IA, como AI Sunset, AI Milky Way Night e AI Ultra Gaming Visuals, que aplican filtros específicos para cada escenario, convertendo cada fotografía nunha experiencia creativa e profesional.

Outro dos puntos fortes do nubia Z70S Ultra é a súa pantalla completa sen ‘notch’, equipada coa tecnoloxía Under-Display Camera (UDC) de 7ª xeración e protexida por Longxi Durable Glass de 2ª xeración, que mellora tanto a visualización previa como a durabilidade do dispositivo.

En termos de rendemento, o dispositivo está impulsado polo procesador Qualcomm Snapdragon 8 Elite, xunto con memoria LPDDR5X e almacenamento UFS 4.0, garantindo unha experiencia de uso ultrarrápida. A súa pantalla ofrece unha taxa de refresco de 144 Hz e un mostreo táctil de 2500 Hz, perfecto para gamers e usuarias esixentes.

En canto ao deseño, o Z70S Ultra mantén o selo icónico de nubia, cun anel vermello característico e acabados en vidro e textura suave de coiro. Ademais, inclúe un botón deslizante personalizábel que permite acceder rapidamente a funcións como Star Cloud Intelligence, cámara ou xogos.

nubia Pad Pro: deseñada para a produtividade e o entretemento

Pola súa banda, a tablet nubia Pad Pro está deseñada para satisfacer as necesidades das usuarias que buscan un dispositivo versátil tanto para traballar como para gozar do mellor contido audiovisual.

Entre os seus puntos fortes destaca a pantalla ultra nítida, un panel de 10,9 polgadas cunha resolución 2.8K (2880 x 1800 píxeles) e cores intensas, ideal para consumir contido multimedia. Completa esta experiencia un sistema de audio inmersivo, con efectos DTS X Ultra 3D, que ofrecen unha experiencia sonora envolvente.

No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen3 a 3,3 GHz, combinado con LPDDR5X e UFS4.0, garantindo fluidez excelente en multitarefa. A cámara frontal, de 20 MP, destaca pola súa calidade para videoconferencias de gran calidade.

Por último, en termos de deseño destaca o seu aspecto compacto e lixeiro, cun chasis metálico de 523 gramos e un grosor de 7,3 mm, cun acabado antideslizante que facilita o seu agarre.

Dispoñibilidade e prezo

O nubia Z70S Ultra xa está dispoñíbel en preventa, coa súa chegada ás tendas programada para o 28 de maio. Os prezos das dúas configuracións dispoñíbeis son os seguintes:

  • 12GB + 256GB: 769 euros.
  • 16GB + 512GB: 869 euros.

En canto á nubia Pad Pro, a súa data de lanzamento será anunciada proximamente.

Con estes novos dispositivos, Nubia reafirma a súa aposta pola combinación de intelixencia artificial, fotografía avanzada e rendemento premium, consolidándose como unha opción a ter en conta no mercado de dispositivos móbiles e tablets de alta gama.

Sobre o autor

Reply