MediaTek vén de presentar o seu novo chipset de gama alta, o Dimensity 9400e, unha solución que expande a súa oferta insignia e proporciona aos fabricantes de dispositivos unha plataforma con funcionalidades avanzadas en intelixencia artificial (IA), conectividade 5G, rendemento para xogos e captura de imaxes.
Segundo informou o fabricante, o novo Dimensity 9400e integra tecnoloxías avanzadas que optimizan a eficiencia enerxética e melloran o rendemento multitarefa, consolidándose como unha plataforma premium para teléfonos intelixentes de última xeración.
Potencia e eficiencia grazas á arquitectura All Big Core
O Dimensity 9400e está construído sobre o proceso de 4 nm de terceira xeración de TSMC, integrando unha arquitectura All Big Core composta por catro núcleos Cortex-X4 a 3,4 GHz e catro núcleos Cortex-A720 a 2,0 GHz. Esta configuración proporciona un rendemento elevado en tarefas complexas e multitarefa, ao tempo que mantén un baixo consumo enerxético.
Para o apartado gráfico, o chipset inclúe a GPU Immortalis-G720 de 12 núcleos, que soporta trazado de raios a nivel de hardware. Esta tecnoloxía permite mellorar a calidade visual dos xogos, ofrecendo efectos de iluminación e sombras máis realistas, ao nivel das consolas de última xeración.
Xogos inmersivos, IA, multimedia e conectividade
O Dimensity 9400e integra a plataforma MediaTek HyperEngine, que inclúe a versión máis recente da tecnoloxía MAGT 2.0 (MediaTek Adaptive Gaming Technology). Esta solución permite unha programación dinámica do rendemento en tempo real, garantindo taxas de fotogramas estábeis e un consumo enerxético reducido até un 40%.
Ademais, o chipset tamén é compatíbel co MediaTek Frame Rate Converter (MFRC 2.0+), que axusta o rendemento gráfico para unha experiencia de xogo máis fluída.
No ámbito da intelixencia artificial, o Dimensity 9400e destaca polo seu SDK MediaTek NeuroPilot, que facilita a implementación de aplicacións de IA generativa directamente no dispositivo. O chipset soporta modelos de linguaxe extensos, incluíndo o DeepSeek-R1-Distill (Qwen1.5B/Llama7B/Llama8B) e o multimodal Gemini Nano LLaVA-1.5 7B.
A tecnoloxía SpD+ (Segmentación de Inferencia) permite procesar modelos de linguaxe de gran tamaño de forma eficiente, optimizando tanto o rendemento como o consumo de recursos.
No apartado multimedia, o Dimensity 9400e incorpora un ISP RAW de 18 bits, que mellora a calidade de imaxe e vídeo en condicións de baixa iluminación. A plataforma é capaz de realizar segmentación semántica de ata 16 capas en tempo real, permitindo efectos de vídeo avanzados e capturas precisas.
O chipset tamén soporta tecnoloxía de redución de ruído de alta dinámica con tres micrófonos, proporcionando audio nítido e claro en gravacións.
En canto á conectividade, o Dimensity 9400e ofrece capacidades de de última xeración, incluíndo 5G UltraSave 3.0 (con aforro enerxético optimizado en redes 5G), Wi-Fi 7 de tres bandas con velocidades de ata 7,3 Gbps; Bluetooth con alcance de ata 5 quilómetros en liña de vista, ideal para escenarios exteriores ou grandes eventos; e dobre SIM activa multimodo, que permite xestionar simultaneamente dúas conexións móbiles.
Lanzamento inminente no mercado
Os primeiros dispositivos equipados co Dimensity 9400e estarán dispoñíbeis a partir deste mesmo mes, segundo anunciou MediaTek. O chipset apunta a converterse nunha opción destacada para teléfonos premium, ofrecendo unha combinación óptima de rendemento, IA avanzada e capacidades gráficas inmersivas.