O evento anual de Google para desenvolvedores, o Google I/O 2025, comeza este martes 20 de maio e poderá seguirse en streaming desde as 19:00 h (hora peninsular española). Trátase dun dos encontros máis agardados do ano no sector tecnolóxico, onde a compañía amosa os avances máis destacados no seu ecosistema de software e intelixencia artificial. Aínda que o hardware non adoita ser protagonista, sempre hai sorpresas.
Que podemos agardar do Google I/O 2025
Malia que Google adoita gardar algún que outro as na manga para a presentación, hai cousas que xa sabemos que van ser centrais en todo o evento. Unha delas é a intelixencia artificial de Gemini. A plataforma de IA de Google, que xa se integra en moitos dos produtos, chegará con novos modelos máis intelixentes e funcionais, ao tempo que a súa expansión chegará a novos dispositivos como Google TV e Wear OS 6.
Tamén se espera que Google faga oficial o seu salto ao mundo da realidade extendida (XR), combinando realidade aumentada e virtual. Agárdanse detalles sobre as novas gafas intelixentes desenvolvidas en colaboración con Samsung, así como sobre o Project Moohan, unha plataforma máis avanzada para experiencias inmersivas.
Outro protagonista será o Project Astra, unha evolución dos asistentes actuais con capacidade para “ver” o mundo e responder a ordes mediante voz, vídeo ou texto. Google busca crear unha IA que funcione en tempo real, entendendo a contorna e interactuando de forma máis natural co usuario.
Android 16, Wear OS 6 e un novo Chrome
A nova versión do sistema operativo móbil, Android 16, será outra das grandes novidades. Aínda que xa está en fase beta, espérase que Google anuncie melloras en seguridade, privacidade e rendemento, así como a incorporación do novo deseño Material 3 Expressive, máis adaptable e visualmente atractivo.
Tamén se espera que o sistema operativo para wearables sexa renovado con Wear OS 6, que integrará Gemini IA e adoptará o novo deseño visual. Agárdanse demostracións prácticas e posiblemente a data oficial de lanzamento, coincidindo cos próximos lanzamentos dos Pixel Watch e Galaxy Watch este verán.
Pola súa banda Chrome, o navegador máis usado do mundo, tamén terá o seu espazo. Espéranse pequenas melloras en rendemento e integración con Gemini, aínda que non se agardan cambios revolucionarios. Google podería aproveitar para explicar como pretende integrar a IA de forma máis profunda no navegador sen comprometer a privacidade.
O “Pinterest de Google” podería anunciarse esta tarde
Os rumores tamén apuntan a que Google podería lanzar unha nova aplicación baseada na busca de imaxes, onde as usuarias poderán crear coleccións visuais e compartilas, ao estilo de Pinterest.
Sería un novo intento por parte de Google de entrar no mundo das redes sociais, un eido no que ata agora non tivo moito éxito.
Un Google máis intelixente, visual e inmersivo
O Google I/O 2025 será unha declaración de intencións sobre o futuro da tecnoloxía segundo Google: máis intelixente, máis integrada e máis visual. A IA, a realidade aumentada e a personalización da experiencia do usuario marcarán un evento que promete marcar un antes e un despois, especialmente para Android e os dispositivos que o empregan.
