Starlink, a empresa de Internet por satélite de SpaceX, non deixa de desafiar ás operadoras tradicionais coa súa estratexia cada vez máis agresiva de prezos e servizos. A súa última ofensiva é ofrecer unha tarifa de conexión de respaldo por 9 euros ao mes, pensada para non quedar sen Internet nin nas peores circunstancias. Unha solución que, por exemplo, tería servido de moito en casos como o do apagamento eléctrico que vivimos hai unhas semanas.
Un plan B para viaxes, segundas residencias ou emerxencias
A nova tarifa, que non está dispoñíbel publicamente na web de Starlink, ofréceselle á clientela que amosa a súa intención de darse de baixa (por exemplo, a quen estaba a esperar a chegada da fibra e unha vez que a ten decide eliminar o servizo de satélite). A empresa comercialízaa como unha conexión secundaria perfecta para situacións puntuais, como poden ser viaxes, segundas residencias ou mesmo momentos críticos como as caídas de rede ou os desastres naturais.
Con esta estratexia Starlink busca non só fidelizar ás súas usuarias e garantir un fluxo de ingresos mensual, senón tamén entrar de cheo no terreo das conexións de respaldo, un espazo no que as operadoras tradicionais apenas ofrecen algún servizo vía móbil, especialmente para empresas.
9 € ao mes para ter Internet sempre dispoñíbel
A nova tarifa de Starlink ofrece, a cambio de 9 euros ao mes, 10 GB de datos para navegar, coa posibilidade de pagar 2 € adicionais por cada GB. Tamén permite cambiar a tarifas máis completas a partir de 40 € ao mes.
As velocidades de conexión poden chegar a 150 Mbps, cunha latencia duns 4 ms, polo que a experiencia de uso é perfectamente válida para navegación, vídeo e tarefas de traballo en remoto. Como no resto de tarifas, conta cun router WiFi 6.
O satélite deixa de ser a opción residual
O que antes era unha solución para zonas sen cobertura, agora convértese nun complemento viábel e económico, semellante á fibra ou ao móbil. Con esta nova tarifa, Starlink democratiza o acceso a Internet por satélite, reducindo os custos a niveis que antes parecían imposíbeis.
Para quen teña a necesidade crítica de contar cunha conexión de respaldo, poder ter Internet por 9 €a ao mes deixa de ser un luxo para converterse nunha aposta estratéxica que pode redefinir o mercado das telecomunicacións.
