Cando Google presentou as Google Glass hai máis dunha década (e que analizamos neste artigo), marcou un primeiro paso cara a un futuro onde a tecnoloxía se integraría directamente na nosa visión do mundo. Aquel proxecto pioneiro adiantouse ao seu tempo, pero sentou as bases dun novo paradigma. Agora, no marco do Google I/O 2025, a compañía recupera esa visión con forza renovada grazas a Android XR, unha nova plataforma que combina realidade estendida (XR) e intelixencia artificial avanzada a través de Gemini, o asistente de IA de Google.
Android XR: a nova fronteira para Gemini
Android XR é a primeira plataforma de Android deseñada desde cero para funcionar na era de Gemini. Esta nova proposta permitirá a integración fluída de asistentes baseados en IA con visión, son e contexto, tanto en gafas intelixentes como en headsets de realidade virtual ou mixta.
Con Gemini nestes dispositivos, o asistente poderá ver o mundo desde a nosa perspectiva, escoitar o que escoitamos e respondernos de maneira máis natural e útil, sen necesidade de usar as mans. Isto facilita que as usuarias esteamos presentes na realidade mentres recibimos axuda en tempo real, tanto no mundo físico como no virtual.
Lentes con Android XR: traducións, mensaxes e navegación en tempo real
No escenario do Google I/O, amosouse unha primeira ollada aos lentes con Android XR, deseñados para traballar en combinación co móbil das usuarias. Estes lentes inclúen cámara, para ver o que vemos; micrófonos e altofalantes, para interactuar con Gemini sen usar o móbil; e pantalla opcional integrado no lente, que amosa información útil de xeito privado e contextualmente.

Con esta combinación, os lentes permiten facer tarefas como enviar mensaxes ou facer chamadas sen tocar o móbil; consultar o calendario ou facer citas mentres imos camiñando; obter indicacións paso a paso, sobreimpresas no noso campo de visión; capturar fotos e vídeos coa nosa mirada ou a tradución de idiomas en tempo real, con subtítulos visíbeis no lente mentres conversamos con outra persoa.
Esta última función demostrou o enorme potencial destes lentes para derrubar barreiras lingüísticas e mellorar a comunicación global.
Un ecosistema de dispositivos: Samsung, Gentle Monster e outros
De maneira análoga ao que acontece con Android, Google non está só nesta aventura. Ao contrario, está a colaborar con marcas recoñecidas para levar Android XR a dispositivos que sexan tanto tecnoloxicamente avanzados como esteticamente atractivos.

Entre os primeiros socios destacan:
- Samsung, que presentará este ano o seu headset Project Moohan, baseado en Android XR.
- Gentle Monster e Warby Parker, dúas marcas de lentes que traballarán con Google para crear lentes con estilo e tecnoloxía integrada.
- Kering Eyewear, co que Google explora futuras colaboracións para ampliar o catálogo dispoñíbel..
A visión é clara: crear lentes que a xente queira usar a diario, combinando deseño, funcionalidade e privacidade.
Desenvolvedores e privacidade: as chaves para o futuro
Se ben o obxectivo de calquera produto é chegar ás consumidoras finais, estes non serían nada sen a comunidade de desenvolvedoras de aplicacións. Nesta liña, Google anunciou que lanzará ferramentas para desenvolvedoras a finais de 2025, permitindo crear aplicacións e experiencias adaptadas a este novo formato.
Ademais, están a traballar con grupos de testadores para garantir que a tecnoloxía sexa útil e respectuosa coa privacidade, tanto das usuarias dos lentes como das persoas que os rodean.
Gemini e Android XR traen a IA ao mundo real
O futuro da intelixencia artificial está nos dispositivos que nos acompañan cada día, que ven o que vemos e entenden o que precisamos, mesmo antes de pedilo. Android XR, con Gemini no centro, representa un salto cualitativo na interacción entre humanos e máquinas, ofrecendo experiencias útiles, naturais e integradas.
Segundo apuntou Google, os primeiros lentes con Android XR chegarán ao mercado nos próximos meses, e desde Google prometen novidades constantes. Haberá que seguir o proxecto de preto, para ver se esta vez é a definitiva.
