Google I/O 2025: Gemini convértese no centro do ecosistema con novas funcións

O Google I/O 2025 comezou onte e confirmou o que xa se viña anunciando nas últimas semanas: Gemini, a intelixencia artificial de Google, está chamada a ser o núcleo do ecosistema da compañía. Durante a keynote, Google presentou un conxunto de novidades centradas na IA, a creación multimedia e a integración cos seus servizos.

A continuación repasamos as principais novidades anunciadas no Google I/O 2025, algunhas das cales están xa dispoñíbeis e outras chegarán a milleiros de usuarias en todo o mundo nas próximas semanas.

Gemini Live: comparte cámara e pantalla, agora de balde

Unha das grandes novidades é Gemini Live, que agora está dispoñíbel de xeito gratuíto en Android e iOS. Esta función permite compartir a cámara ou a pantalla do móbil en tempo real mentres falas con Gemini, facilitando axuda visual para tarefas como solucionar problemas técnicos amosando o obxecto afectado; recibir consellos personalizados de compra; ou explicar situacións complexas sen necesidade de escribir todo.

Segundo Google, as conversas con Gemini Live son cinco veces máis longas que as baseadas en texto, grazas á súa interactividade e á capacidade para “ver” o que necesitamos.

Ademais, naspróximas semanas, Gemini Live integrarase aínda máis con aplicacións de Google como Calendar, Maps, Tasks e Keep, permitindo crear eventos, buscar locais ou xestionar tarefas directamente desde a conversa.

Imagen 4: xeración de imaxes máis rápida e realista

Outro dos anuncios clave foi Imagen 4, o novo modelo de xeración de imaxes por intelixencia artificial de Google. Este modelo destaca por ofrecer alta calidade visual das imaxes creadas, unha mellor representación de texto dentro das imaxes e maior velocidade de xeración.

Imagen 4 está xa integrado na app de Gemini, polo que as usuarias xa poden comezar a crear imaxes directamente desde o chat.

Veo 3: xeración de vídeo con sons e diálogos

Google tamén presentou Veo 3, un modelo de xeración de vídeo por IA que marca un novo estándar no sector. É o primeiro modelo capaz de xerar vídeos con efectos sonoros realistas, ruído de fondo para contextualizar o ambiente e mesmo diálogos entre personaxes, algo inédito até o momento.

Con todo, non é unha ferramenta universal, senón que Google centra o seu desenvolvemento pensando en creadores de contido, profesionais da comunicación e mesmo ámbitos como o ensino, ao permitir a creación de vídeos complexos a partir de simples descricións.

Deep Research e Canvas: novas ferramentas para crear e analizar

Dúas das funcións máis potentes da app de Gemini, Deep Research e Canvas, recibiron actualizacións importantes:

  • Deep Research permite afondar na análise de información, comparar fontes e extraer conclusións de forma automatizada.
  • Canvas facilita a creación de podcasts, páxinas web ou aplicacións mediante un entorno colaborativo onde Gemini axuda a programar, escribir textos e organizar ideas.

Estas ferramentas achegan a intelixencia artificial a ámbitos profesionais como o xornalismo, o deseño ou o desenvolvemento web.

Gemini chega a Google Chrome

Outra das grandes novidades -e tal e como xa se avanzara- é a chegada de Gemini a Google Chrome, o navegador máis utilizado do mundo. Agora, mentres navegamos poderemos facer preguntas contextuais sobre a información que estamos vendo; solicitar resumos, definicións ou fontes alternativas sen saír da páxina; ou recibir suxestións personalizadas segundo o noso historial e intereses.

Isto permitirá unha navegación moito máis interactiva e eficiente, especialmente útil para estudantes e profesionais.

Plans para estudantes e versións premium

Google anunciou novas vantaxes para estudantes e creadores, aínda que isto non é universal. As universitarias de Estados Unidos, Indonesia, Xapón e Reino Unido poderán acceder ao plan Google AI Pro de balde durante un curso escolar completo, sen que polo de agora haxa información sobre a aplicación desta oferta noutros países.

Por outra banda chega Google AI Ultra, un plan premium pensado para persoas e empresas que precisan acceso prioritario a novas funcións, maiores límites de uso ou servizos personalizados de alto rendemento.

Iso si, o seu prezo non é económico: custa 249,99 $/mes (de momento só está dispoñíbel nos Estados Unidos), se ben ademais de todas as últimas funcionalidades de IA tamén inclúe 30 TB de capacidade para almacenar os nosos datos.

Un novo capítulo na IA de Google

A keynote inicial do Google I/O 2025 foi moito máis ca unha presentación de novidades: foi a confirmación de que a intelixencia artificial xa está integrada na nosa vida cotiá, e que Google quere liderar esa transformación. Gemini está presente en todas partes, ofrecendo novas formas de crear, investigar, comunicar e interactuar co mundo.

Se ben por certas cousas que vimos imos ter que esperar, moitas deastas novidades xa están dispoñíbeis tanto desde https://gemini.google.com/app como desde as aplicacións nativas de Android e iOS.

Sobre o autor

Reply