Nothing, a marca fundada por Carl Pei, está a piques de dar o paso máis ambicioso da súa traxectoria: a chegada do Nothing Phone (3), previsto para xullo de 2025. Trátase do seu primeiro smartphone de gama alta, coa clara intención de medirse cos grandes referentes do panorama Android, como Google e Samsung.
Até o de agora, a estratexia de Nothing viña centrándose na gama media, cun deseño icónico, experiencias coidadas e un prezo contido. Desde o Phone (1) ata o recente Phone (3a), pasando pola súa liña accesíbel CMF, a compañía evitou competir directamente na elite. Pero iso está a piques de cambiar.
Segundo confirmou a propia compañía nas redes sociais, o Nothing Phone (3) será presentado oficialmente en xullo. E, aínda que os detalles técnicos seguen a ser un misterio, a filtración máis rechamante foi o prezo estimado de 950 euros, o que sitúa este modelo fronte a fronte con pesos pesados como o Pixel 9 (899 €) ou o Galaxy S25 (909 €).
Deseño e IA: as chaves do novo dispositivo
Como toda marca que quere ter algo que dicir na actualidade, Nothing pretende apostar pola Intelixencia Artificial. Se o ano pasado presentaron un asistente persoal baseado en IA, e este ano lanzaron Essential Space (un espazo persoal que permite capturar elementos da pantalla e usalos de xeito contextual), agora poderíamos ver novidades que marquen a diferenza coa competencia, con outras experiencias personalizadas, contextuais e naturais.
Tampouco debemos esquecernos do deseño, un campo no que Nothing chamou as miradas por ser diferente ao resto do mercado, e que novamente podería buscar sorprender.
En canto ao hardware, primeiras filtracións apuntan a que o novo terminal virá equipado cun procesador de última xeración, probablemente un Snapdragon 8 Elite, ou como alternativa, o Dimensity 9400e, un chip de alto rendemento. Todo indica que o Phone (3) estará á altura en potencia, rendemento gráfico e capacidades de conectividade.
Un paso chave para o futuro da marca
Para Nothing, este salto á gama alta non é só un novo produto: é unha declaración de intencións. Carl Pei, quen xa revolucionara o mercado coa filosofía de OnePlus, quere agora redeseñar a gama premium de Android cun enfoque fresco, diferente e centrado na experiencia de usuario.
Se Nothing consegue manter o seu deseño transparente, o coidado polo detalle e engadir innovación real, o Phone (3) pode converterse nun dos grandes lanzamentos do ano, quizais non en ventas, pero si en diferencial.
