O Samsung Galaxy S25 Ultra preséntase como o buque insignia da marca surcoreana neste 2025. Con especificacións de alto rendemento, un sistema de cámaras revolucionario e unha integración avanzada da intelixencia artificial, este modelo promete marcar un antes e un despois no mercado dos smartphones.
Tras estalo probando durante unhas semanas, neste artigo imos descubrir as principais características e funcións destacadas, así como resumir as nosas impresións.
Deseño e acabados
Samsung continúa coa súa aposta por un deseño minimalista e sofisticado no Galaxy S25 Ultra. O dispositivo presenta un acabado premium que mestura o titanio, o aluminio e o cristal, con bordos suavizados e laterais rectos. Unha evolución sobre o Galaxy S25 Ultra, que os tiña curvados. Ademais, a súa construción mantén a resistencia á auga e ao po co certificado IP68, garantindo a durabilidade mesmo en condicións adversas.
A parte traseira acolle un módulo de cámaras integrado de forma lixeiramente máis sutil, reducindo o grosor e mellorando a ergonomía. A pantalla, cunha curvatura menos pronunciada ca en versións anteriores, facilita o agarre e evita toques accidentais, mantendo a sensación inmersiva grazas á súa gran relación pantalla-corpo.
Non hai cambios na distribución de botóns e conectores. Á dereita temos na parte superior os botóns de axuste do volume, e xusto debaixo o de acendido. Na parte inferior, o S-Pen á esquerda, seguido dun altofalante, USC-C, micrófono e ranura para a tarxeta SIM.
Hardware e rendemento
O Samsung Galaxy S25 Ultra vén equipado co procesador Snapdragon 8 Elite, un chipset optimizado para ofrecer un rendemento excepcional, especialmente en tarefas intensivas como a edición de vídeos ou xogos de alta esixencia gráfica.
Non hai opcións de RAM a elixir. O fabricante ofrece unicamente 12 GB de RAM; mais iso si, tres opcións de 256 GB, 512 GB ou 1 TB de capacidade de almacenaxe interna, o que nos garante a máxima fluídez en multitarefa e xogos, así como espazo máis que de sobra para gardar as nosas fotos ou vídeos sen preocupacións.
A nivel conectividade temos 5G (dobre nanoSIM e opción de eSIM), WiFi 7 e Bluetooth 5.4. Conta, por suposto, con diferentes tipos de servizos de xeoposicionamento, NFC para pagos móbiles e outros servizos sen contacto, e UWB, ademais do xa citado USB tipo C.

O S Pen mantense como un elemento distintivo no Galaxy S25 Ultra, aínda que xa non conta co impacto innovador de outras épocas. Aínda así, segue a ser unha ferramenta versátil e funcional para quen valora a precisión á hora de tomar notas, facer debuxos ou navegar pola interface. Coas súas melloras en sensibilidade e latencia reducida, ofrece unha experiencia fluída que pode resultar especialmente útil para profesionais e creativas que buscan un plus de produtividade.
Pantalla
Non nos cansamos de repetir que Samsung está a outro nivel en canto a pantallas. E o Galaxy S25 Ultra non é unha excepción. Este dispositivo inclúe un panel AMOLED LTPO de 6,9 polgadas cunha resolución QHD+ e unha taxa de refresco de 120 Hz, ideal para ver contidos multimedia ou xogar cunha calidade de imaxe impresionante. Dispón ademais de protección Gorilla Glass Armor 2.
Todo isto tradúcese nunha pantalla que ofrece cores vibrantes e negros profundos, ademais dunha experiencia fluída, con resposta rápida perfecta para xogos. Tamén é digno de destacar o seu sistema antirreflexos, un dos que mellor funcionan dos diferentes móbiles que temos probado ultimamente, e que contribúen a situar a este dispositivo nun rango superior que a competencia.
Como en modelos anteriores, a pantalla permite axustar diferentes parámetros de calidade, cor ou a frecuencia. Uns axustes que nos permiten personalizar o teléfono ao noso gusto e, ao tempo, optimizar o consumo enerxético.

Cámara
No apartado da cámara, o Samsung Galaxy S25 Ultra aposta por un sistema de nivel profesional, que eleva a calidade fotográfica a outro nivel. A principal innovación témola no sensor principal, de 200 MP, que permite conseguir unhas imaxes cun nivel de detalle moi destacado, mesmo en condicións de pouca luz. Grazas á súa apertura variábel e á capacidade para gravar vídeos en formato LOG con HDR de 10 bits, sitúase entre as máis destacadas do mercado actual.

O sistema de cámaras traseiro complétase cun sensor ultra gran angular de 50 MP, ideal para fotografar paisaxes ou grandes grupos de persoas sen perder calidade nin detalles. Conta tamén cun dobre teleobxectivo (3x e 5X), combinando un sensor de 10 MP e outro de 50 MP para capturar imaxes a distancia sen perder definición.
Como adoita acontecer neste apartado, ademais do hardware temos que destacar o importante papel do software, onde Samsung está a facer un esforzo por non quedar rezagado ante a crecente competencia. Neste eido destaca o modo Nightography mellorado (reduce o ruído e mellora a luminosidade das imaxes tomadas con pouca luz) e a edición avanzada mediante IA, con funcións como o Audio Eraser, que elimina ruídos non desexados nos vídeos, que demostran o nivel de integración da intelixencia artificial no apartado audiovisual deste dispositivo.
En termos xerais, temos unha cámara moi equilibrada, que nos ofrece uns resultados notables, na liña do que podemos esperar dun smartphone que supera os 1000 €.





































Software
Samsung non só aposta polo hardware; o software tamén recibe importantes melloras. O Galaxy S25 Ultra chega cunha versión optimizada de One UI 7 baseada en Android 15, que promete até sete anos de actualizacións, incluíndo parches de seguridade e melloras de rendemento.
Desta capa destacan as funcións intelixentes, nas que a IA está presente en funcións como a apertura virtual, que permite axustar a profundidade de campo para crear efectos bokeh máis realistas, ou a optimización para xogos, co sistema preparado para reducir o consumo de batería durante longas sesións de gaming sen perder potencia.

Máis aló diso, mellóranse todas as prestacións de IA que chegaron co Galaxy S24 Ultra, incluídas as traducións en tempo real (intérprete), e tamén se ofrecen outras funcións de mellora da produtividade, como o Now Bar e Now Brief, esta última de momeno exclusiva da saga Galaxy S25, e que fai un resumo do día para facilitarnos as cousas a primeira hora da mañá.
Os diferentes “asistentes” son tamén un reclamo para quen busca mellorar a súa produtividade. Témolo de notas, de transcrición, de navegación, de fotos ou de debuxo. Este último destaca por crear unha composición a través dun esbozo, o cal dá resultados máis visual e/ou divertidos.
Batería
A batería é de 5.000 mAh, con carga rápida de 45 W e carga sen fíos de 15 W, mediante o estándar Qi2. Samsung segue sen dar a salto a maiores velocidades, como xa ofrecen a meirande parte das marcas chinesas, mais iso non quita que poidamos ter cifras de carga bastante interesantes, co móbil completamente cargado -con cable- en menos dunha hora.
O fabricante fixo un gran traballo de optimización do rendemento, seguramente en boa medida grazas ao procesador estrela de Qualcomm. Con iso consegue mellorar a autonomía sen incrementar o tamaño da pila.
Conclusións
O Samsung Galaxy S25 Ultra é un dispositivo pensado para quen busca o mellor do mellor en termos de fotografía, rendemento e deseño. Aínda que o seu prezo é elevado, as súas prestacións e funcións avanzadas xustifican o investimento, especialmente para aquelas usuarias máis esixentes ou profesionais que queren un smartphone que actúe como cámara, editor de vídeo e centro multimedia todo en un.
Pódese adquirir a través da web de Samsung, outras tendas en liña e tamén en operadoras e cadeas de electrónica, cun prezo de partida de 1399 €.
Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.
