Moto G56: o novo smartphone económico de Motorola filtra o seu deseño e características

A familia Moto G de Motorola está a piques de medrar cun novo modelo deseñado para quen busca un smartphone Android económico, sen renunciar a boas prestacións. O Moto G56, cuxo lanzamento oficial semella inminente, vén de protagonizar unha nova filtración que revela tanto o seu deseño estilizado como as especificacións técnicas principais.

Deseño fino e catro cores vibrantes

Segundo as imaxes filtradas, o Moto G56 manterá unha liña delgada e elegante, dispoñíbel en catro cores certificadas por PANTONE: Gray Mist, Dill (verde), Dazzling Blue (azul brillanet) e Black Oyster (negro perla).

Trátase da primeira vez que se pode ver en detalle a versión Gray Mist, non presente en filtracións anteriores do dispositivo.

Especificacións técnicas do Moto G56

O Moto G56 incorporará o procesador MediaTek Dimensity 7060, que achega un bo rendemento para tarefas cotiás e apps lixeiras. Estará dispoñíbel en tres configuracións de almacenamento interno: 128, 256 ou 512 GB. En canto á memoria RAM, as usuarias poderán escoller entre versións con 4 GB ou 8 GB, segundo a configuración elixida.

A pantalla medra de tamaño respecto ao sue predecesor (Moto G55), pasando das 6,49 polgadas a 6,72, con resolución FHD+, taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1.000 nits. A batería medra lixeiramente até os 5.200 mAh, con carga de 33W.

En canto ás cámaras, a traseira é unha cámara dual, cun sensor principal Sony LYT-600 de 50 MP e un sensor ultra gran angular de 8 MP. A cámara frontal salta dos 16 MP do G55 a 32 MP, o que fai que sexa máis atractivo tanto para os autorretratos como para as videochamadas con gran nitidez.

Moto G56 5G: prezo e dispoñibilidade

Aínda que non se confirmou oficialmente o prezo, os rumores apuntan a que se manterá na liña do Moto G55, arredor dos 160 euros, o que o situaría como un dos móbiles 5G máis accesíbeis do mercado no seu rango.

De confirmarse todas estas especificacións, o Motorola Moto G56 posicionarase como unha das mellores opcións no mercado dos smartphones de gama de entrada, combinando un bo rendemento, cámara de calidade, pantalla fluída e un deseño moderno e colorido. Un modelo ideal para quen busca funcionalidade sen gastar de máis.

Sobre o autor

Reply