Digi dá un paso de xigante no mercado español ao estrear a súa propia rede móbil, deixando atrás o modelo de operador móbil virtual (OMV). Grazas a un innovador acordo con Movistar, que inclúe compartición activa de rede (RAN sharing) e mutualización de espectro, Digi poderá ofrecer un 5G máis rápido, maior eficiencia operativa e seguir baixando prezos, como xa fixo co seu servizo de fibra.
Primeira antena propia: Palencia marca o comezo
Segundo apunta Banda Ancha, aínda que o acordo coa rede de Movistar está vixente desde o 1 de xaneiro de 2025, non foi até o de agora cando puido verse a primeira antena propia sobre o terreo. Esta primeira estación base está situada en Palencia, no número 1 da rúa Felipe Prieto, nun edificio que alberga un emprazamento de rede móbil na azotea.
Digi está a usar nesta localización as bandas de 1800 e 2100 Mhz, mentres que Movistar fai uso dos 140 MHz de espectro dispoñíbeis, grazas á suma dos 20 MHz de Digi e os 120 MHz propios. Deste modo, as usuarias de Digi da zona estarían a usar preferentemente estas frecuencias, liberando así tráfico que até o de agora xestionaba directamente Movistar e contribuíndo asía a reducir a factura que Digi paga como cliente maiorista.
Este movemento é estratéxico, sobre todo tendo en conta que as usuarias de Digi teñen o maior consumo medio de datos do mercado, con 16,34 GB/mes, fronte aos 6,40 GB/mes dun cliente medio de Movistar.
5G máis rápido e eficiente coa mutualización do espectro
O acordo entre Digi e Movistar inclúe a mutualización do espectro na banda de 3,6 GHz, unha das máis importantes para o desenvolvemento do 5G Standalone (SA). En total, xúntanse 120 MHz compartidos, que permiten velocidades teóricas de ata 3,2 Gbps e latencias moi baixas, de entre 8 e 12 ms.
A combinación do uso de espectro compartido, a implementación de equipamentos de última xeración e unha infraestrutura moderna e densa sitúan a rede de Digi como unha das máis avanzadas e rápidas do país, incluso por diante doutras como Yoigo, que conta cun menor nivel de infraestrutura e tecnoloxía.
Servizo independente e máis aforro e marxe para baixar prezos
Malia compartir a rede con Movistar, Digi mantén un control total sobre o seu núcleo de rede e a xestión do tráfico, o que lle permite ofrecer unha experiencia personalizada á súa clientela. Este modelo garante unha calidade de servizo equiparable á de Movistar, pero con prezos máis competitivos grazas ao seu enfoque eficiente.
Ademais, un dos grandes beneficios do RAN sharing é a redución de custos de investimento (CAPEX), que pode chegar ata un 40 % menos respecto a un despregue independente. Ademais, ao deixar de ser OMV, Digi aforra en pagos por acceso á rede, o que mellora os seus marxes operativos.
Estes recursos adicionais permitirán á compañía seguir axustando tarifas, como xa fixo co servizo de fibra Smart, que se converteu nun referente no mercado polo seu equilibrio entre prezo e calidade.
Un novo escenario no mercado das telecomunicacións
O lanzamento da rede propia de Digi e o inicio do despregamento físico das súas antenas móbiles marcan un antes e un despois no panorama das telecomunicacións no Estado español. Con estratexias como a virtualización de funcións de rede, a intelixencia artificial para optimización de recursos ou o network slicing, Digi entra nunha nova liga, con capacidade para escalar e innovar nun mercado cada vez máis esixente.
Con esta posta en marcha, Digi deixa de ser un OMV, e pasa a ser un operador con rede propia e visión de futuro. A activación da primeira antena propia e o novo modelo de rede colocan a Digi como un dos operadores máis competitivos e eficientes do país.
