HMD Global, a compañía que fabrica os móbiles Nokia, está a piques de dar o salto ao mundo dos smartwatches con dúas novas propostas baseadas en Wear OS: os HMD Rubber 1 e HMD Rubber 1S, que no caso do modelo principal destaca por contar cunha cámara integrada, algo inédito até o de agora nos reloxos intelixentes con este sistema operativo.
A información chega a través das filtracións, que apuntan a que o HMD Rubber 1 contará cunha cámara de 2 MP, situada posibelmente riba da pantalla, permitindo facer fotos ou videollamadas rápidas directamente desde o pulso.
Esta é unha función case inexistente no ecosistema Wear OS, polo que HMD podería estar apuntando a un público infantil ou xuvenil, reforzando esta teoría o feito de que a marca colaborou con Xplora Technologies, empresa especializada en smartwatches para crianzas, no último trimestre de 2024.
Especificacións dos hMD Rubber 1 e 1S
A información que foi sendo desvelada fala de que o HMD Rubber 1 contará cunha pantalla OLED de 1,85 polgadas; batería de 400 mAh; resistencia á auga (5 ATM); conectividade Bluetooth 5.4, WiFi e NFC; cámara de 2 MP e diferentes sensores, como frecuencia cardíaca, SpO2 e podómetro.
Pola súa banda, o Rubber 1S contará cunha pantalla máis pequena, de 1,05 polgadas, pero tamén con menos batería (290 mAh) e menos opcións de conectividade: Blutooth 5.0 e WiFi, sen NFC.
Ambos modelos executarán Wear OS, o que permite acceso ás aplicacións de Google Play, notificacións, controis multimedia e integración co ecosistema Android. Ademais, o sistema podería incorporar unha interface adaptada a menores, como a que vimos no Galaxy Watch for Kids, con ferramentas como Family Link ou apps aprobadas por docentes.
Data de lanzamento e prezo: pendente de confirmar
Polo de agora, non hai data oficial nin prezos confirmados, pero a filtración chega nun momento clave, cun crecente interese por parte de Google e Samsung en desenvolver dispositivos Wear OS para públicos novos. Se HMD consegue manter un prezo competitivo, podería gañar unha posición destacada nun nicho aínda pouco explotado.
Con estes HMD Rubber 1 e 1S, HMD Global aposta por diferenciarse no ecosistema Wear OS cunha proposta orixinal, funcional e seguramente de prezo baixo. A presenza dunha cámara integrada nun smartwatch podería abrir novas posibilidades de uso, especialmente entre crianzas e adolescentes, mais tamén entre usuarias que buscan un wearable diferente.
