Nova HONOR Pad 10: unha tablet ultralixeira con pantalla 2.5K e Snapdragon 7 Gen 3

HONOR vén de anunciar a súa nova tablet, a HONOR Pad 10, unha aposta do fabricante para quen busca rendemento, portabilidade e deseño nun dispositivo de gama media. Cunha folla de características que inclúe unha pantalla 2.5K HONOR Eye Comfort, procesador Snapdragon 7 Gen 3, son envolvente e batería de longa duración, esta tablet está pensada para quen precisa un dispositivo para mellorar a súa produtividade ou para o entretemento.

Deseño ultradelgado, lixeiro e resistente

A HONOR Pad 10 destaca polo seu corpo metálico unibody ultrafino de só 6,29 mm e un peso de 525 gramos, o que a converte nunha das tablets máis lixeiras do seu segmento. A parte traseira inclúe o deseño característico da marca “anel nube estelar”, cunha lente circular que reflicte a luz de forma sutil.

Ademais, segundo apunta o fabricante, é pioneira no uso dun procesado de pregado de 270°, que reduce un 29% do peso estrutural e 0,6 mm de grosor, ofrecendo maior resistencia sen perder portabilidade.

Características destacadas

A pantalla é, sen dúbida, unha das principais características da HONOR Pad 10. Trátase dun panel TFT LCD de 12,1 polgadas con resolución 2.5K (2560 x 1600 px), taxa de refresco dinámica de 120 Hz e ratio pantalla-corpo do 88%. Unha combinación ideal para gozar de navegación fluída, xogos, vídeos ou lectura prolongada.

Cobre o 96% do espectro NTSC, o 133% do sRGB e mostra máis de 1.070 millóns de cores, cun brillo adaptativo que vai de 0.1 a 500 nits grazas á intelixencia artificial (IA). Unha experiencia visual envolvente, con contraste dinámico mellorado nun 200%, que fai que resulte exeitada para calquera contido.

No interior, a HONOR Pad 10 incorpora o procesador Snapdragon 7 Gen 3, fabricado en 4 nm, e que está acompañado dunha batería de 10.100 mAh, con carga rápida de 66W por cable e de 35W sen fíos.

A experiencia multimedia complétase cun sistema de seis altofalantes e tecnoloxía HONOR Spatial Audio, que crea un escenario sonoro amplo e dinámico. A isto súmanse as certificacións Hi-Res Audio e Hi-Res Audio Wireless; e a tecnoloxía HONOR Sound, que mellora agudos, medios e graves.

A HONOR Pad 10 tamén pensa en traballo e estudo a distancia. Incorpora intelixencia artificial para cancelación de ruído bidireccional, amplificación de voz e filtrado de ruído eléctrico. Así, garante que poidamos escoitar -e que nos escoiten- con claridade, unha característica moi interesante especialmente para clases online, videochamadas ou reunións de traballo.

Dispoñibilidade e prezo da Honor Pad 10

A nova HONOR Pad 10 xa está dispoñíbel en cor gris e pode reservarse na tenda online oficial de HONOR. O prezo parte dos 349 €, incluíndo teclado e stylus de agasallo. Estará dispoñible en tendas físicas e outras canles a partir de setembro de 2025.

Sobre o autor

Reply